publicidade hoxe

Ponte Caldelas inicia as obras do saneamento no barrio de Avecil en Cuñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas iniciou esta semana as obras correspondentes a unha nova fase no saneamento de Cuñas incluída no Plan de Investimentos da Deputación de Pontevedra. En concreto trátase de estender a rede de sumidoiros a gran parte do barrio de Avecil cun investimento de 81.495 euros. Onte a dirección técnica e responsables da empresa comezaron o reformulo sobre o terreo.

O proxecto contempla a colocación duns 1.000 metros lineais de tubaxes, distribuídas en varios ramais, que permitirán prestar este servizo de rede de sumidoiros a unhas 25 vivendas desta zona que se conectarán co colector do barrio de Aldea de Abaixo para conducir as augas fecais ata a depuradora situada na estrada de Parada.

Hai que recodar que no ano 2014 o Concello de Ponte Caldelas, a través tamén do Plan de Investimentos da Deputación (PID) ampliou a rede de saneamento en Cuñas coa posta en servizo dunha rede de colectores no barrio de O Lombo para dar servizo a unhas 20 vivendas.

O saneamento en Cuñas iniciouse no ano 2010, cunha primeira fase na que se investiron uns 150.000 euros, na que se instalou unha rede de colectores na travesía da estrada PO-532, aproveitando as obras de mellora da seguridade viaria que fixo a Xunta de Galicia na zona coa construción dunha senda peonil.

Posteriormente, no ano 2011, o Concello de Ponte Caldelas investiu outros 160.000 euros de fondos propios no saneamento deste lugar, divididos en dúas actuacións: a construción da EDAR e a instalación da rede que comunicou o colector principal da estrada co barrio de Aldea de Abaixo e coa zona na que se situou a depuradora, conseguindo así pór xa en funcionamento este servizo en parte do núcleo de Cuñas. En total no saneamento de Cuñas o investimento realizado ata a data ascende a case 400.000 euros.

O Concello de Ponte Caldelas está a afrontar o saneamento en diversos núcleos de poboación do municipio que, pola súa gran dispersión, provoca que teña que ser executado en varias fases e tendo en conta a orografía do terreo, os desniveis e as dificultades técnicas que presentan os distintos lugares obxectos da actuación.

A enorme dispersión de poboación existente en Cuñas, e en todo o municipio de Ponte Caldelas, encarece de maneira notable a implantación da rede de saneamento, polo que o Concello pretende seguir estendendo a rede de sumidoiros recorrendo a diversas anualidades e sucesivas fases dada a imposibilidade de afrontar dunha soa vez este proxecto e consecuente gasto económico para as arcas municipais nos tempos de especial dificultade nos que nos atopamos.

20 de maio de 2015 | 12:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.