publicidade hoxe

Pegadas Musicais estrea en San Sadurniño “Excursión á Illa Corazón”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Todo está listo na Casa da Cultura para acoller a estrea da obra musical “Excursión á Illa Corazón”, a segunda montaxe da compañía Pegadas Musicais dentro do proxecto educativo LÓVA. Unha trintena de alumnas e alumnos de 6º de primaria do CPI traballaron duro nos últimos meses para prepararen desde cero unha historia que fala de respecto tocando un tema tan espiñento coma o racismo. O resultado verémolo este sábado a partir das 19.00h. no auditorio municipal con entrada de balde ata completar o aforo.

LÓVA -La Ópera Vehículo de Aprendizaje- é un programa internacional impulsado en España polo Centro Nacional de Innovación e Investigación Educativa co apoio da fundación SaludArte e do Teatro Real de Madrid. Vai dirixido a centros educativos de todo o Estado e con el preténdese promover o desenvolvemento emocional, social e cognitivo do alumnado por medio da creatividade e da asunción de responsabilidades en algo tan complexo de coordenar como unha obra musical.

O profesorado titoriza e orienta, pero é a rapazada quen se encarga realmente de todo: o guión, a interpretación, a composición musical, o alumeado, o son, a escenografía, as relacións públicas, a documentación, a maquillaxe, a produción, o finanzamento… Así, o alumnado de 6º de primaria do colexio logrou poñer en marcha a obra “Excursión á Illa Corazón”, a súa segunda montaxe para o proxecto logo da exitosa “Segredo no faro” do ano pasado.

Naquela ocasión abordaron o asunto da amizade e nesta toman como base argumental da obra o racismo “porque cremos que aínda hai moita xente que discrimina aos demais pola súa cor de pel”, indican no dítico de presentación da obra ao tempo que lanzan a mensaxe de que “non se pode xulgar un libro só pola portada, sen saber o argumento”.

“Excursión á Illa Corazón” é unha peza duns 30 minutos que se estrea este venres ao mediodía para o alumnado do colexio en dúas veces, unha ás 12.00 e outra ás 13.00h. Estas dúas representacións son, en realidade, dous ensaios xerais preparatorios da grande estrea desta tarde a partir das 20.00h. tamén na Casa da Cultura. A ela están convidados os pais e nais dos nenos e nenas que participan na montaxe. Mañá sábado repítese ás 19.00h. tamén para quen non puidesen asistir e tamén para calquera persoa que queira ver a obra, ata completar o aforo do recinto.

Máis obras para a semana

Pegadas Musicais é, se cadra, a compañía do CPI máis coñecida. Pero non a única que participa no programa LÓVA. En secundaria formáronse outras dúas, Gallaecia Compañía de Ópera e Constelación Musical, que prepararon as obras “A viaxe” e “Entre felgos anda o lobo”, respectivamente. 

O venres 5 de xuño estrearanas para o alumnado e o domingo 7 a partir das 18.00h. para o público en xeral. Iso si, Constelación Musical fará unha previa o martes 2 a partir das 12.00h. no Pazo da Cultura de Narón.

29 de maio de 2015 | 12:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.