Pablo Vidal Trío presenta a súa proposta de jazz-galaico en Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A música de jazz entra na programación das festas de Santa Rita da man dun músico local, o vilagarciano Pablo Vidal que, xunto con Gabriel Peso e Noli Torres compoñen a formación que o xoves, 21 de maio, presenta no Auditorio o seu primeiro traballo discográfico titulado “Jazz Pagano”. Esta orixinal proposta de jazz-galaico xestada e parida en Vilagarcía conta xa cunha elevada valoración por parte da crítica entendida e cunha excelente acollida de público nas cidades nas que xa foi presentada como Coruña ou Vigo.

“Jazz Pagano” componse de 8 temas compostos por Pablo Vidal. O autor sinala que o disco pode entenderse como unha sinfonía no que os temas teñen unha continuidade e un fío condutor común que é o mar. Aparte de contar cun pai natural de Vilagarcía, o disco pariuse tamén na cidade, xa que se gravou no propio Auditorio Municipal coa colaboración da Concellería de Cultura. E, a maiores, a carátula do CD é unha creación do artista de Vilaxoán Xaquín Chaves.

Vidal presentou o disco e o concerto este mediodía na compaña da concelleira de Cultura Rocío Llovo. O autor explicou que o título “Jazz Pagano” responde a dúas cuestións. A primeira a que o cualificativo fórmase coas primeiras sílabas dos nomes dos membros do trío (Pablo, Gabriel e Noli) e o segundo, xa máis sutil, porque a súa intención era alexarse do jazz academicista que é o que domina a escena actual, para explorar a fusión entre jazz e música tradicional galega ou, dun xeito máis amplo, cos ritmos atlánticos. Para deixar patente esta orixinal experimentación, o tema “O alalá da serea” conta coa colaboración da cantante Uxía.

O concerto de Pablo Vidal Trío será o xoves, 21 de maio no Auditorio a partir das 21:00 horas. A entrada única custa 5 euros e poderán comprarse o mesmo día da actuación no Auditorio.

18 de maio de 2015 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.