Os viticultores teñen de prazo ata o martes para entregar as botellas de tipo Barrantes
O martes da semana que ven remata o prazo de entrega das botellas de Tipo Barrantes, que se recollerán no Centro Social de Barrantes o luns e martes entre as 19:00 e 22:00 horas. Nesta categoría teranse que presentar seis botellas tipo bordalesa.
As botellas de tipo Autóctono xa se presentaron o pasado fin de semana. En total presentáronse 25 propostas diferentes, que esta semana serán analizadas no Centro Enolóxico de Leiro.
Os viticultores clasificados nas primeiras precatas, que terán lugar desde o día 26 ó 30 de maio partir das 21:00 horas, deberán entregar 15 botellas de viño tinto tipo Barrantes no lugar e día que lles indique a organización.
Finalmente, as precatas finais realizaranse os días 3 e 4 de xuño a partir das 21:00 horas, e en véspera do comezo da Festa do Viño Tinto do Salnés.
Amplíase o prazo para vender en stands
O Concello e a Comisión de Festas acordaron ampliar o prazo de inscrición -que remataría hoxe- para que o colleiteiros poidan inscribirse para a venta de viño nos stands da carpa que estará instalada durante a Festa do Tinto.
Tódolos colleiteiros interesados en vender o seu viño e dispoñer dun espazo axeitado na carpa, deben pasar polas dependencias municipais ou poñerse en contacto con calquera dos membros da Comisión de Festas.
Continúa aberto o prazo da BTTinto
Por outro lado, continúa aberto o prazo para BTTinto deste ano. Polo de agora xa son máis de 1.500 inscritos, e espérase que a cifra siga aumentando ata o 3 de marzo, día no que remata o prazo de inscrición.
O Concello xa se vestiu de BTTinto, e a organización continúa traballando para que cada ano a proba salga da mellor maneira posible. Coma en edicións anteriores, a BTTinto organiza a proba principal de Mountain Bike, de 49 km de recorrido e coa alternativa dos 33 km de ruta para as persoas que queiran disfrutar dun contacto directo coa natureza e coa riqueza patrimonial de Ribadumia e de Meis nunha proba menos esixente. A ruta percorre lugares de gran atractivo, coma é o monte do Castrove con vistas panorámicas da ría, muíños, mosteiros e bosques de gran beleza.
Tamén haberá unha ruta de sendeirismo de 20 km de recorrido e unha proba combinada de 35 km a bicicleta e 20 km de carreira a pe. A novidade deste ano chega coa integración dunha carreira de montaña –trail de montaña– que supoñen unha proba moi atractiva e que se atopan en auxe en todo o panorama nacional.











