Os traballos para asegurar as árbores do parque da Compostela descobren o grave estado dun piñeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Os traballos contratados polo Concello para mellorar a seguridade da masa forestal do Parque da Compostela despois dos repetidos episodios de desprendementos e fracturas de ramas dos últimos anos desvelaron hoxe o grave estado no que se atopa un vello piñeiro radiata. A podremia afecta gravemente ao tronco que presenta co elevado risco de caer sobre o xardín e parte do paseo marítimo. Os técnicos estudan as medidas a levar a cabo para evitar riscos e que se decidirán coa maior urxencia.

As antigas árbores do Parque da Praia Compostela veñen dando problemas dende hai anos debido a súa antigüidade, deficiente estado de conservación e ao desgaste polos ventos e elevada humidade da zona. Para previr riscos nesta transitada zona de esparexemento, a Concellería de Medio Ambiente contratou á empresa Gaia, especialista en arboricultura, para asegurar as árbores mediante un sistema de instalación de tirantes e ancoraxes que axudan a soster as ramas e, no caso de fractura, as manteñen suspendidas no aire impedindo que caian ao chan co perigo de alcanzar a algunha persoa.

Hoxe estaba prevista a realización destas labores pero, cando os especialistas empezaron a examinar as árbores decatáronse do grave estado dun piñeiro de gran envergadura situado detrás do quiosco de madeira. No groso tronco detectaron varias fendas de diferente lonxitude pero todas de bastante profundidade. Ademais, a copa está moi inclinada cara o paseo marítimo exercendo unha forte presión no tronco que pode tronzar en calquera momento, segundo explicaron os técnicos de Gaia.

Ante esta situación, o concelleiro de Medio Ambiente, Jesús Longa, solicitou á empresa de arboricultura e ao responsable do servizo de Parques e Xardíns os informes pertinentes para concretar a mellor solución a adoptar para previr riscos, a máis segura das cales pasaría, segundo apuntaron a priori, pola tala do exemplar que xa está moi tocado.

En canto ás demais árbores, a empresa realizará os traballos que xa estaban previstos de colocación dos tirantes. Esta actuación requirirá previamente a redución da copa dalgunhas árbores que medraron en horizontal. Esta medida, ademais de minorar a resistencia que teñen que soportar as ramas principais e o tronco, fortalece ao exemplar que disporá de máis savia para nutrir tronco e raíces en lugar de ao follaxe das ramas. A medio prazo, a árbore medrará máis forte e en vertical, reducindo así o risco de desprendementos e fracturas de ponlas.

Estas reducións de copas centrarase principalmente nas árbores que rodean a zona infantil, cuxas ramas medraron en horizontal sobre a área de xogos xerando un perigo potencial que se incrementa co paso do tempo.

14 de maio de 2015 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.