Os produtos galegos deixan bo sabor de boca en Andalucía e Levante

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Sabores de Galicia en Cádiz

Sabores de Galicia en Cádiz

A campaña “Sabores de Galicia” tivo unha gran acollida por parte de escolas de hostalaría, asociacións de consumidores e profesionais relacionados coa canle horeca, distribución e sector comercial comerciante polo miúdo da alimentación das Comunidades Autónomas de Andalucía, Murcia e Comunidade Valenciana. A campaña, que se presentou oficialmente en Santiago de Compostela o pasado 1 de abril, arrincou en Córdoba unha semana despois e contou coa participación dos alumnos da Escola de Hostalaría de Córdoba e do IES Gran Capitán e a asistencia de representantes da corporación municipal.

Similar participación rexistrouse nas cidades de Huelva e Cádiz. Na primeira, os alumnos da Escola de Hostalaría Islantilla e un grupo de membros da Asociación de Amas de Casa Virxe da Cinta animáronse a coñecer os produtos das Denominacións. Na segunda, fixeron o propio os membros da Asociación de Consumidores Gadir e os alumnos da Escola de Hostalaría IP Fernando Quiñones.

En Málaga, o equipo de “Sabores de Galicia” contou cunha visita de excepción. A exconcursante de Masterchef Susana Ramos acudiu ás sesións técnicas como representante da Escola de Hostalaría “La Mesa de Málaga”.

Debido ao gran interese que a campaña espertou en Granada, excepcionalmente, organizáronse tres sesións diferentes para dar a coñecer as excelencias culinarias dos produtos amparados polos consellos reguladores galegos ao alumnado da Escola de Hostalaría Furtado de Mendoza. Extraordinaria tamén foi a visita a Almería, cuxa estancia se prolongou durante os días 21 e 22 de abril, para despedir ao grande a estancia en Andalucía. Na primeira xornada, o equipo de “Sabores de Galicia” recibiu a visita da Asociación de consumidores e amas de casa Virxe do Mar. Xa na segunda, o camión trasladouse ao IES Almeraya, moi interesado en organizar diferentes sesións para dar cabida a todos os alumnos.

O xoves 23 de abril o camión asentouse en Murcia, Comunidade que recibiu ao equipo de “Sabores de Galicia” con gran afecto, arroupados por representantes do Centro Galego de Murcia, co seu presidente Manuel Fernández á cabeza. Alí, puideron coñecer os produtos galegos os alumnos do IES La Flota e do Centro de Cualificación Turística.

Na Comunidade Valenciana, a participación tamén foi elevada. En Alacante asistiron á presentación alumnos do Centro de Turismo da cidade e un grupo de socias das Amas de Casa Lucentum, e en Valencia acudiron tres grupos do Centro Superior de Hostalaría Mediterráneo e outro da Escola de Hostalaría Gambrinus.

“Sabores de Galicia” continúa o seu road show recalando en diferentes puntos da xeografía catalá. Mataró, Sabadell ou Lleida son algunhas das cidades que visitarán nos vindeiros días.

Queixo, viño e carne de vacún: alimentos embaixadores da ‘marca Galicia’

A iniciativa conxunta “Sabores de Galicia” nace da colaboración entre os consellos reguladores da IXP Ternera Gallega, DOP Arzúa-Ulloa e DO Ribeira Sacra, a fin de trasladarlle á poboación española os principios de calidade, trazabilidade e o binomio tradición-innovación tan asentados e prestixiados en Galicia. Valores que representan un modelo produtivo baseado na riqueza natural das materias primas propias da nosa Comunidade, tractor económico para o rural galego e atributos da marca propia dentro e fóra de Galicia.

A DOP Arzúa-Ulloa ampara o tradicional queixo galego de forma cilíndrica ou lenticular, elaborado con leite cru ou pasteurizado de vaca. O seu ámbito de produción inclúe un total de 32 concellos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Na actualidade, a denominación integra un total de 1.042 gandeiros e 21 queixerías, cun valor económico estimado de preto de 21 millóns de euros. Foi o primeiro dos queixos galegos en obter un recoñecemento oficial coma “Produto Galego de Calidade” xa no ano 1989, e é o queixo con DOP máis consumido en Galicia e o segundo en España.

Con case 20 anos de historia, a D.O Ribeira Sacra ampara case un cento de bodegas e 200 marcas comerciais de viño, producidas en 2.500 hectáreas que se distribúen ao longo de 20 concellos das provincias de Lugo e de Ourense. Cunha produción conxunta de máis de 4,5 millóns de quilos, as bodegas da D.O Ribeira Sacra achegan vangarda a unha tradición milenaria na colleita e elaboración dos seus viños, que hoxe en día gozan dun gran prestixio e recoñecemento no eido nacional e internacional.

A IXP Ternera Gallega ampara e protexe a carne fresca de vacún procedente dos animais nados, criados e sacrificados en Galicia. Na actualidade acolle un total de 7.670 produtores e 82 industrias, que están a comercializar unhas 18.633 toneladas de carne de calidade. O valor económico está ao redor dos 108 millóns de euros, o que a converte na IXP da súa rama máis importante da Unión Europea. Considerando a idade, o manexo e a alimentación do animal, distínguense dúas categorías principais: Ternera Gallega e Ternera Gallega Suprema.

6 de maio de 2015 | 11:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.