Os produtos con denominación de orixe galega triunfan en Madrid

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

“Sabores de Galicia” da nome ao road show co que os consellos reguladores da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, a Denominación de Orixe Ribeira Sacra e a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega presentan as características e calidades do queixo, do viño e a carne que amparan. A campaña chegou esta semana a Madrid, onde o martes se presentou nun acto que contou coa presenza dos presidentes das tres DO que participan na iniciativa, José Manuel Rodríguez de Ribeira Sacra, Xosé Luís Carrera de Arzúa-Ulloa e Jesús González de Ternera Gallega, que destacaron que esta acción de promoción conxunta está posibilitando promover produtos galegos de calidade non só entre o público especializado e profesional, senón entre consumidores finais.

Ao acto acudiron destacados membros da comunidade galega na capital de España, como o delegado da Xunta e director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega; o presidente da Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid (AEGAMA), Julio Lage; ou o promotor da Enxebre Orde da Vieira, Carlos de Blas Armada. A explanada do Bernabeu foi a encargada de acoller ao camión expositor que, coma un stand móbil, alberga sesións técnicas sobre as características dos produtos certificados e degustacións con cociña en directo dirixidas a colectivos relacionados coa actividade das Denominacións, desde escolas de hostalaría, asociacións de consumidores, profesionais relacionados co canal horeca, distribución e sector comercial minorista da alimentación ou medios de comunicación.

O obxectivo desta acción promocional é dar a coñecer as calidades destes produtos en toda España, así como impulsar o seu consumo activo e responsable entre o conxunto da sociedade, de acordo cos principios de alimentación sana e equilibrada e hábitos de vida saudábeis. Bo sabor de boca en Cataluña, Andorra, Aragón e Castela-A Mancha “Sabores de Galicia”, que se presentou oficialmente en Santiago de Compostela o pasado 1 de abril, percorreu ata o de agora máis de 9.000 kilómetros e 28 cidades de 7 comunidades autónomas. Durante o mes de maio a campaña pasou por Cataluña, Andorra, Aragón e Castela A Mancha, cunha boa acollida.

Esta semana o road show recalou na capital de España e o seu entorno, onde visitou Alcalá de Henares, Aranxuez, Xetafe e Pozuelo de Alarcón. A primeira parada foi Vilareal, onde os alumnos da Escola de Hostalaría asistiron a unha sesión técnica sobre os produtos. Continuou en Mataró e Tarragona, onde a Asociación de Amas de Casa animouse a coñecer os produtos das Denominacións, mentres representantes do Centro Galego de Tarragona asistiron á presentación da campaña. Tras un descanso, “Sabores de Galicia” finalizou o seu percorrido por Cataluña a segunda semana de maio visitando Sabadell, Terrasa e Lleida.

O camión cruzou a fronteira para asentarse en Andorra, onde recibiu a varios representantes do Centro Galego Fillos de Lalín e contou coa presenza do Consoll Mayor, Jordi Román, na presentación da campaña. Zaragoza e Guadalajara foron as seguintes paradas. Nesta última os alumnos de hostalaría do IES Buero Vallejo puideron coñecer os produtos galegos. O mes rematou cunhas xornadas excepcionais na Comunidade de Madrid. Procedente de Alcalá de Henares, onde recibiu aos alumnos da Escola de Hostalería de Alcalá e representantes do Centro Galego Corredor de Henares, “Sabores de Galicia” instalouse durante 2 días na explanada do Bernabeu. O luns 25 deu a coñecer as excelencias culinarias dos produtos amparados polos consellos reguladores galegos ao alumnado das escolas de hostalaría Gambrinus e Formaemplean. Na segunda xornada foron as socias da Asociación Amas de Casa de Madrid e a Asociación Amas de Casa UNAE as que se achegaron a coñecer os produtos certificados.

A continuación o camión expositor visitou Aranxuez, Xetafe e Pozuelo de Alarcón. “Sabores de Galicia” rematará o seu road show o 18 de xuño en Oviedo, tras percorrer nos vindeiros días Salamanca, Valladolid, Burgos, Vitoria, Logroño, Pamplona, San Sebastián, Bilbao, Santander e Xixón. Queixo, viño e carne de vacún: alimentos embaixadores da ‘marca Galicia’ A iniciativa conxunta “Sabores de Galicia” nace da colaboración entre os consellos reguladores da IXP Ternera Gallega, DOP Arzúa-Ulloa e DO Ribeira Sacra, a fin de trasladarlle á poboación española os principios de calidade, trazabilidade e o binomio tradición-innovación tan asentados e prestixiados en Galicia. Valores que representan un modelo produtivo baseado na riqueza natural das materias primas propias da nosa Comunidade, tractor económico para o rural galego e atributos da marca propia dentro e fóra de Galicia. A DOP Arzúa-Ulloa ampara o tradicional queixo galego de forma cilíndrica ou lenticular, elaborado con leite cru ou pasteurizado de vaca.

O seu ámbito de produción inclúe un total de 32 concellos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Na actualidade, a denominación integra un total de 1.042 gandeiros e 21 queixerías, cun valor económico estimado de preto de 21 millóns de euros. Foi o primeiro dos queixos galegos en obter un recoñecemento oficial coma “Produto Galego de Calidade” xa no ano 1989, e é o queixo con DOP máis consumido en Galicia e o segundo en España. Con case 20 anos de historia, a D.O Ribeira Sacra ampara case un cento de bodegas e 200 marcas comerciais de viño, producidas en 2.500 hectáreas que se distribúen ao longo de 20 concellos das provincias de Lugo e de Ourense. Cunha produción conxunta de máis de 4,5 millóns de quilos, as bodegas da D.O Ribeira Sacra achegan vangarda a unha tradición milenaria na colleita e elaboración dos seus viños, que hoxe en día gozan dun gran prestixio e recoñecemento no eido nacional e internacional.

A IXP Ternera Gallega ampara e protexe a carne fresca de vacún procedente dos animais nados, criados e sacrificados en Galicia. Na actualidade acolle un total de 7.670 produtores e 82 industrias, que están a comercializar unhas 18.633 toneladas de carne de calidade. O valor económico está ao redor dos 108 millóns de euros, o que a converte na IXP da súa rama máis importante da Unión Europea. Considerando a idade, o manexo e a alimentación do animal, distínguense dúas categorías principais: Ternera Gallega e Ternera Gallega Suprema.

28 de maio de 2015 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.