Os nenos mosenses xa poden disfrutar do seu parque de auga en Sanguiñeda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Hoxe comezou a funcionar o parque de auga de Sanguiñeda, que permanecerá activo en horario de 12.00 horas a 15.00 horas e de 16.00 horas a 20.00 horas ata o vindeiro mes de setembro, ou incluso máis avanzado o outono se o bo tempo o permite.

O sistema de funcionamento dos elementos desta área de lecer acuática baséase en tres programas que se suceden cíclicamente, funcionando un deses tres programas cada 20 minutos e intercalando un descanso de 10 minutos con periodicidade horaria, tras o cal se volve a reactivar automáticamente o ciclo de tres programas.

Un dato moi importante é que este sistema de funcionamento está deseñado para que non se desperdicie nin unha gota de auga. Isto é, a auga que se usa nos elementos de xogo recóllese e pasa por unha depuradora que a filtra para que se poida volver a usar no seguinte programa; polo tanto, sempre se emprega a mesma auga que vai depurándose e nunca se desperdicia.

Detalles do parque

Este parque-escola está situado na parroquia de Sanguiñeda, nun parque de titularidade municipal.

Na zona de xogos de auga represéntanse o ciclo da auga e o fenómeno meteorolóxico da choiva, fenómenos naturais acuáticos como os géiser, unha noria de rego e unha miniturbina hidráulica para explicar o aproveitamento humán da auga dende os albores da civilización.

Ademais destes xogos coa auga como elemento protagonista, tamén se instalou un horto ecolóxico mediante o que fomentar o respecto medioambiental e a plantación de cultivos ecolóxicos, o traballo en equipo entre a comunidade de veciños, e o achegamento da cultura hortícola e agrícola. Este horto é cultivado, mantido e xestionado polos membros usuarios do centro das Escravas da Virxe Dolorosa a petición da propia institución.

A finalidade da creación dun parque-escola sobre a auga e os cultivos ecolóxicos en Sanguiñeda é a de fomentar entre os máis cativos o respecto polo medio ambiente, pola agricultura ecolóxica e polo consumo responsable da auga, aprendendo que é un ben escaso e moi necesario para o desenvolvemento da vida no noso planeta.

A protección do ambiente e do espazo natural é o obxectivo principal deste parque-escola infantil que ten como contido e característica principal a utilización recreativa e didáctica do recurso natural da auga.

15 de maio de 2015 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.