Os estudantes do CEIP A Reigosa pon en marcha un horto ecolóxico

Alumnos traballando no horto ecolóxico
Alumnos de 5º de Primaria do Colexio da Reigosa puxeron en marcha un horto ecolóxico no que colabora a comunidade educativa e o Concello de Ponte Caldelas. A idea consiste en crear un horto ecolóxico en bancais elevados, sobre alicerces de madeira co fin de que o traballo e a colaboración entre alumnos do centro se realice de maneira máis cómoda e desde posicións de visión directa entre os participantes.
Para levar a cabo esta iniciativa, o Concello construíu o invernadoiro e achegou terra ecolóxica e material necesario para protexer o cultivo do azoute do vento do norte que, afecta de maneira severa na zona escollida para realizar o horto.
O proxecto contempla a construción de varios bancais elevados sobre pés e plataformas de madeira, recheos con terra ecolóxica previamente tratada e enriquecida para favorecer unha mellor e maior produtividade.
A idea é que todos os elementos utilizados na conservación e plantación sexan totalmente ecolóxicos e sen presenza de elementos químicos. Así os alumnos en actuación conxunta con monitores, profesores do centro ensaiarán métodos biolóxicos de combater pragas ou de lograr procedementos de abonado natural.
Ademais da experiencia docente e pedagóxica, os promotores deste proxecto queren facer partícipes aos distintos colectivos que compoñen a comunidade escolar coa idea non só de concienciar sobre o uso de elementos naturais e ecolóxicos no coidado dos hortos senón tamén en favorecer unha maior interacción entre os nenos con este tipo de actividades colectivas.











