Os escolares mosenses descobren o Festival de Cans

Escolares mosenses no Festival de Cans
Un total de 158 alumnos e alumnas mosenses de quinto e sexto cursos de Educación Primaria visitaron esta mañá o Festival de Cans, celebrado anualmente no Concello veciño de O Porriño, nunha saída cultural e didáctica organizada pola concellería de Educación e Participación Cidadá. O Festival de Cans é unha divertida cita alternativa que conta coas mellores curtametraxes galegas. Neste evento estréanse documentais e longametraxes, teñen lugar coloquios con cineastas e presentacións audiovisuais, e tamén concertos, pasarrúas, concurso de videoclips, desfiles de chimpíns, sendeirismo e todo tipo de actividades lúdicas e culturais.
Tendo en conta a súa traxectoria, e despois da boa acollida que tivo polos escolares mosenses en edicións anteriores, este ano dende a concellería de Educación quíxose ofertala novamente, pois constitúe unha boa oportunidade para que os rapaces coñezan iniciativas de ámbito local que repercuten non só no campo audiovisual, senón na promoción do uso da lingua galega e na dinamización das parroquias e da vida da xente que as acolle.
Os alumnos/as participantes na actividade de hoxe foron escolares dos CEIPS de Atín-Cela, Mestre Valverde Maio (Sanguiñeda), Mestre Martínez Alonso (Castro-Mos) e Petelos. Os obxectivos desta iniciativa son colaborar no desenvolvemento da bagaxe cultural e artística dos escolares, darlles a coñecer os recursos e as manifestacións culturais e artísticas do contorno, fomentar o espírito crítico entre os escolares, desenvolver nos alumnos/as as habilidades necesarias para apreciar e disfrutar coa arte e con outras manifestacións culturais, proporcionar un espazo de relación e comunicación diferente ao habitual e dar a coñecer a gran labor da organización e dos veciños que colaboran de xeito altruísta con este festival cinematográfico.
A saída desta mañá consistiu nunha visita ao Festival de Cans, na que os alumnos/as puideron disfrutar das diferentes actividades que ofrece este evento, ademais de coñecer as súas instalacións e ao persoal encargado da organización do mesmo.
Os participantes foron divididos en dous grupos. Mentres un grupo fixo unha visita guiada polos lugares máis emblemáticos do Festival, o outro visionou unha serie de curtas nunha sala e logo tiveron un pequeno coloquio con algún realizador, guionista ou produtor.











