Os comuneiros de Guizán conclúen o proceso de expropiación de terreos no aeroporto de Peinador

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Onte celebrouse no salón de actos da Axencia de Colocación de Mos o levantamento de actas do acordo de expropiación de terreos por parte de AENA á Comunidade de Montes de Guizán. Tras este levantamento de actas os comuneiros da parroquia de Guizán recibirán o pago por estes terreos, que ascende a unha contía de 5.800.000 euros, a principios do vindeiro mes de xullo. A Comunidade de Montes levaba loitando para chegar ó final deste proceso dende fai xa 20 anos, polo que a xornada de onte foi para eles unha data moi importante.

Os terreos en cuestión son un total de 262.000 metros cadrados que se atopan ubicados dentro do Aeroporto de Peinador e que eran propiedade da Comunidade de Montes de Guizán. Tras esta expropiación os comuneiros son propietarios aínda de preto de 300.000 metros cadrados. 

No levantamento de actas realizado onte estiveron presentes José Luis Fernández Domínguez, presidente da Comunidade de Montes, membros da Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Guizán, o avogado dos comuneiros, Calixto Escariz, un representante do Ministerio de Fomento, un representante e un secretario de AENA, e a concelleira de Urbanismo de Mos, Julia Loureiro. Os membros da Comunidade de Montes manifestáronse “satisfeitos e moi contentos ó chegar por fin ó remate deste proceso de tantos anos”, dixeron.

Os comuneiros investirán o que lles corresponde pola expropiación de terreos, en primeiro lugar a contratar a unha brigada forestal que desbroce e logo pode o monte. Ademais realizarán a reparación do interior da Capela de Santiaguiño e a restauración das imaxes dos santos, mellorarán o Campo de Fútbol de Santiaguiño, construirán un Local Forestal para servizo do monte, e adquirirán os terreos para edificar un Local Social para uso e desfrute dos veciños e veciñas de Guizán.

21 de maio de 2015 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.