publicidade hoxe

Os colleiteiros entregan as botellas de tipo Autóctono

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

Mentres o Concello e a Comisión de Festas continúan cos preparativos da XLIII Festa do Tinto do Salnés, os colleiteiros xa comezan a ter preparados os caldos que presentarán ás catas de este ano.

A menos dun mes das catas finais, este fin de semana remata o prazo de entrega das botellas de Categoría Autóctonos. Nesta categoría teranse que presentar seis botellas no Centro Social de Barrantes en horario de 10:00 a 12:00 horas os días 16 e 17 de maio co fin de envialos a analizar ó Centro Enolóxico de Leiro en Ourense.

Os de Tipo Barrantes aínda teñen unha semana máis para repousar, xa que o prazo de entrega desta categoría terá lugar no Centro Social de Barrantes nos días 25 e 26 de maio entre as 19:00 e 22:00 horas.

O ano pasado as catas realizáronse no Centro Social de San Andrés de Barrantes formando así un comité único de catas. Dados os bos resultados que esta decisión acadou, o Concello e a Comisión decidiron repetir as catas por comité único e non por parroquias como en anos anteriores.

Coma todos os anos, para participar no concurso haberá que presentar 6 botellas tipo bordalesa para as catas. Os viticultores clasificados nas primeiras precatas, que terán lugar desde o día 26 ó 30 de maio partir das 21:00 horas, terán que entregar 15 botellas de viño tinto tipo Barrantes no lugar e día que lles indique a organización.

Finalmente, as precatas finais realizaranse os días 3 e 4 de xuño a partir das 21:00 horas, e en véspera do comezo da Festa do Viño Tinto do Salnés.

Concurso de camisetas

Por outro lado, continúa aberto o prazo de entrega das camisetas das peñas. De todos os presentados, premiaranse os tres mellores deseños tendo en conta a orixinalidade do debuxo e do mensaxe.

Entre os mellores deseños, repartiranse 350 euros: 200 para o primeiro, 100 para o segundo premio e 50 no caso do terceiro. Para participar, cada peña deberá presentar o seu deseño no Concello de Ribadumia antes das 14:00 horas do venres 29 de maio. Os premios entregaranse o sábado 6 de xuño, ás 17:30 horas no Pavillón de Barrantes.

11 de maio de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.