Os campamentos de verán de Xuventude unifícanse en Fexdega e contarán con 131 cativos
O Campamentos Urbanos de Verán organizados pola Concellería de Xuventude unifícanse este ano nas instalacións de Fexdega. Outra das novidades da actividade é que finalmente serán 131 os nenos e nenas participantes, xa que o departamento que dirixe Sandra García decidiu aceptar a todos os solicitantes, pese a que o número inicial de prazas ofertadas era de 100.
A decisión de unificar os dous campamentos en Fexdega foi adoptada despois de comprobar o escaso número de solicitudes rexistradas para a sede prevista no CEIP O Piñeiriño e tras consultalo antes dos interesados. Dada a amplitude de espazos no recinto de Fexdega, tanto cubertos como ao aire libre, as actividades poderanse celebrar con total comodidade e resultará máis operativo.
Os campamentos celebraranse do 1 de xullo ao 31 de agosto e están destinados a nenos e nenas de 3 a 7 anos.
Os Campamentos de Verán son unha máis das propostas socio educativas e de conciliación que organiza anualmente a Concellería de Xuventude. O programa deste ano inclúe importantes novidades para satisfacer os gustos dos cativos e tamén proporcionarlles coñecementos e experiencias que fomenten o seu desenvolvemento físico e educativo.
Moito máis que unha ludoteca
Dende Xuventude considérase esencial que esa alternativa de conciliación inclúa unha dimensión socio educativa, adaptada ás idades e gustos dos nenos aos que vai dirixida, que garanta que os cativos o pasen ben, pero tamén asegurándose de que lle sacan proveito a ese tempo que pasan nos campamentos.
Para iso, cada ano trátase de ampliar o programa de actividades a desenvolver cos nenos, de adaptalo e de incluír nun contexto lúdico contidos que incidan positivamente no desenvolvemento social, educativo e cognitivo dos rapaces. E trátase de innovar cada ano, introducindo, por exemplo nesta ocasión, actividades para a aprendizaxe de inglés, obradoiros de cociña divertida, exercizos de relaxación, club de lectura, zumba e ioga infantil.
Unha das actividades más novidosas é o Taller de Aloha, baseado na técnica de cálculo con ábaco, para fomentar o desenvolvemento mental dos máis pequenos a través da aritmética e dunha forma lúdica. Tamén haberá actividades como ioga e zumba infantil, club de lectura e actividades musicais entre outras.
A programación organizarase por quincenas, traballándose cada unha delas ao redor dunha temática en concreto: O verán, a maxia, os contos e a volta ao cole. E organizaranse alternativas para os días de choiva cunha programación especial. Como colofón ao Campamento organizarase unha gran festa infantil con contacontos, xogos e inchables.











