Os cadetes da Sociedade Ximnástica disputarán na casa o Campionato Galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

As pistas de atletismo do CGTD de Pontevedra, serán escenario, mañá sábado, do Campionato de Galicia da categoría cadete, conxuntamente co de probas combinadas. Os atletas sub16 da Sociedade Ximnástica de Pontevedra tentarán superar as dúas medallas de bronce que conseguiron no autonómico de pista cuberta. Aínda que o importante será ver se algún logra a marca mínima de cualificación para o Campionato de España.

Juan Olmos no salto de altura, Pablo Tojal no salto con pértega, Lucía Cardesín nos 600 metros e no quilómetro e Lucía Ferrer nos 100 metros valas; son os que a priori teñen algunha posibilidade de subir ao podio.

O CGTD de Pontevedra acolle o autonómico de probas combinadas

Conxuntamente co autonómico Cadete, celébrase nas pistas de atletismo do CGTD de Pontevedra, o Campionato de Galicia individual de probas combinadas; unha cita obrigada para os combinados da Sociedade Ximnástica que tentarán de novo dominar unha competición que sempre lles foi propicia.

Santi Ferrer Alonso e Sandra Carballo, tentarán defender os títulos absolutos que conseguiron o ano pasado; aínda que ambos terán duros rivais como Claudia Rojo e Erik Calvo.

Tamén estarán Jon Alonso que irá a por o título na categoría júnior, Alex Solla que buscará o podio no Decatlon absoluto; Paula Martín que seguro terá a súa oportunidade na categoría sub23 feminina e sen esquecernos de Francisco Quintáns que irá a por a vitoria na súa categoría veterana.

Na tarde do sábado comezará un Campionato que se alargará ata o mediodía do domingo.

Por cuarto ano consecutivo, a Ximnástica buscará en Burgos a permanencia en División de Honra

A RFEA acaba de dar a coñecer as sedes dos encontros finais de División de Honra; como non pode ser doutra maneira, o equipo masculino da Sociedade Ximnástica, desprazarase a Burgos para disputar o octogonal final pola permanencia na máxima categoría.

O gañador deste octogonal recibirá oito puntos, restándose un punto a medida que se vaia baixando na clasificación, ata 1 punto para o oitavo clasificado; puntos que se sumarán aos que leva cada conxunto na clasificación provisional.

A Ximnástica acudirá á cidade castelá cos deberes feitos; polo momento suma 4 puntos na clasificación provisional da liga, conxuntamente co Pamplona, Nerja de Málaga e Catalunya de Barcelona; mentres que o Sabadell, Burgos, Monzón de Huesca e o Celta de Vigo; acumulan dous puntos cada un.

Hai tranquilidade no equipo pontevedrés xa que no peor dos casos, sendo os últimos, os catro equipos peor situados terían que meterse todos eles entre os cinco primeiros do encontro, para que descenda Pontevedra.

Haberá que esperar ao 13 de xuño a coñecer o resultado.

29 de maio de 2015 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.