Os barrios da Magdalena, Ultramar e o contorno da praza de España acollerán actividades de dinamización e promoción do comercio e da hostalería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O concelleiro de Economía e Facenda do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, informou esta mañá das actividades de promoción e dinamización do comercio e a hostalería que terán lugar esta fin de semana na cidade, e que nesta ocasión concentraránse en A Magdalena, Ultramar e praza de España. Nesta presentación tamén estiveron representantes das tres entidades organizadoras destas propostas: Asociación de Comerciantes Novo Ferrol, Asociación de Empresarios de Hostalaría Ferrol e Comarca e a Asociación Centro Comercial Aberto de Ferrol- A Magdalena.

Estas iniciativas dinamizadoras se centrarán na xornada do sábado, día 23, en tres puntos da cidade nos que se desenvolverán actuacións musicais, actividades infantís e descontos especiais en establecementos comerciais, entre outras. Así, a praza de Armas, acollerá diferentes actividades de apoio ao Racing de Ferrol na primeira xornada da fase de ascenso a 2º división A. Este espazo situado fronte a Casa Consistorial estará engalanada coas cores racinguistas e acollerá un xogo de puntería, entre as 11:00 e as 14:00 horas, dirixidos aos nenos/as menores de 14 anos. O gañador deste concurso de tiros a porta recibirá unha matrícula para participar no campus “Xoga no Racing”, o segundo clasificado un balón asinado por todos os xogadores do club local e todos os participantes levarán un poster asinado polo capitán do Racing, Pablo Rey. Tamén polas rúas do barrio de A Magdalena terá lugar a clausura da exposición “Mostra Aberta de Traxes Tradicionais” que se amenizará cun pasarrúas da agrupación Terra Meiga.

Praza de España e Ultramar 

Así as cousas, a praza de España tamén albergará, en horario de 12:30 a 14:30 horas, varias actividades infantís que inclúen un toro mecánico para nenos e maiores así como hinchables. No que atinxe a Ultramar, concentrará a iniciativa “Sábados á rúa” na praza de Ultramar e a estrada de Castela co obxectivo de sacar á xente á rúa e que coñeza os comercios e centros do barrio. Esta proposta organizada pola Asociación de Comerciantes Novo Ferrol se desenvolverá en horario de 12 a 14 horas, e inclúe actividades infantís con xogos tradicionais así como descontos especiais en 14 establecementos comerciais da zona.

21 de maio de 2015 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.