O venres finaliza o prazo de preinscrición para as tres prazas dos campamentos deportivos da Deputación
San Sadurniño volve colaborar este ano na convocatoria de campamentos deportivos da Deputación da Coruña. Ao noso concello correspóndenlle tres prazas, que serán ocupadas por rapaces de entre 9 e 14 anos. As solicitudes poden presentarse no Concello ata este venres 29 de maio. Se hai máis peticións que prazas farase un sorteo público na Casa da Cultura o luns día 1.
O campamento deportivo está programado do 5 ao 11 de xullo tomando como base operativa o centro Calvo Sotelo. Os rapaces e rapazas terán a oportunidade de realizar diferentes actividades, como os deportes náuticos, paseos a cabalo, multiaventura, kaiaks, orientación piragüismo, tenis, volei-praia, fútbol 7, baloncesto, volei, batuka, capoeira e hip-hop, entre outros. Ademais farán diferentes visitas culturais guiadas a centros de interese cultural na comarca coruñesa. Por último, a oferta do campamento inclúe unha noite en tendas de campaña e o inglés como lingua vehicular de varias das actividades.
Para optar ao campamento, os nenos e nenas deben estar empadroados en San Sadurniño e ter nacido entre os anos 2001 e 2005, ambos incluídos. A preinscrición farase na oficina da Casa da Cultura de San Sadurniño ata este venres 29 ás 14.00h. como moi tarde. Se o número de peticións superase o número de prazas a adxudicación farase cun sorteo público previsto para as 12.30h. do luns 1 de xuño tamén na Casa da Cultura.
O prezo do campamento é de 85 euros, que haberá que pagar unha vez que se confirme a praza. A documentación que haberá que presentar é a seguinte: a ficha de inscrición debidamente cuberta, unha foto tamaño carné, a fotocopia do libro de familia ou carné de identidade e, se se obtén praza, a copia de aboamento da cota de inscrición. Por último tamén será necesario achegar un volante de empadroamento.
No suposto de que o neno ou nena precise algún tratamento, deberá presentar tamén un xustificante médico no que se especifique, así como aquelas alerxias que sufra, xa sexan alimentarias ou de calquera outro tipo.
A incorporación ao campamento no colexio Calvo Sotelo -Rúa Archer Milton Huntington, 24. A Coruña- será o domingo 5 de xullo pola tarde por conta dos participantes e a saída o sábado seguinte despois do almorzo e da clausura.











