O valor das 20.500 obras de arte do Museo de Pontevedra ascende a 156 millóns de euros
O valor das 20.500 obras de arte que, aproximadamente, albergan os seis edificios do Museo de Pontevedra é de 156 millóns de euros. O presidente da Deputación, Rafael Louzán, deu a coñecer hoxe estes datos nunha rolda de prensa, na que anunciou a prórroga, por un ano, do contrato do seguro das obras de arte do Museo que a institución provincial subscribiu, por 59.000 euros, coa compañía Nationale Suisse. Compañía de Seguros e Reaseguros.
Louzán explicou que o valor das obras de arte aseguradas, é dicir, o capital, é de 156 millóns de euros. Destacou, así mesmo, que a súa distribución nos distintos edificios do Museo é a seguinte:
Edificio Castro Monteagudo: 30 M€
Edificio García Flórez: 10 M€
Edificio Fernández López: 45 M€
Edificio Sarmiento: 1 M€
Ruínas de San Domingos: 4,8 M€
Sexto Edificio: 65,1 M€
Na actualidade o Museo de Pontevedra conta con 18.474 rexistros (un rexistro pode ser unha peza ou un lote de pezas) e ten contabilizadas arredor de 20.500 obras de arte.
As cifras revelan, indicou Louzán, que o Museo de Pontevedra é a institución de referencia en Galicia en canto a conservación, restauración e posta en valor da cultura galega, tanto polo seu número de doazóns coma polo de depósitos que recibe.











