O tráfico de mercadoría xeral no porto de Vigo subiu un +7,4%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

A actividade do Porto de Vigo ao longo do primeiro cuadrimestre do ano experimentou un importante incremento en comparación co mesmo período de 2014. Así o asegurou esta mañá, en rolda de prensa, o Presidente da Autoridade Portuaria, Ignacio López-Chaves, que cifrou nun +7,4% a subida da mercadoría xeral e dun +6% no caso do tráfico portuario, que inclúe os graneis e o resto de mercadoría.

Segundo valorou López-Chaves, este “importante incremento” que experimentou a dársena olívica nos seus principais tráficos, é consecuencia directa da “intensificación da actividade económica non só de Vigo, senón tamén do resto de Galicia”, o que demostra que “as políticas económicas que se levaron a cabo nos últimos anos, están a garantir o crecemento económico na Comunidade galega”, subliñou.

Entre as principais mercadorías responsables deste incremento, López-Chaves citou as madeiras (+11%), os metais (+5%), a pesca conxelada (+12%) e as pezas auto (+5%). En canto á mercadoría movida en colector nas súas dúas variantes (ro-ro e lo-lo), o Presidente portuario destacou un incremento do +14%, sendo este “un dos mellores resultados da historia do Porto vigués”. Así, no caso dos colectores movidos por guindastre na Terminal de Colectores do Porto de Vigo, a subida foi do +11%, ascendendo ata un +22% a mercadoría movida na Terminal de Transbordadores de Bouzas.

Destacou tamén López-Chaves a subida experimentada polo tráfico de importación de colectores, o que, ao seu xuízo, demostra que aumentou tamén a demanda interna froito da reactivación da economía galega. Así mesmo, informou da subida da exportación de vehículos, así como do número de buques, que rexistraron unha “evolución positiva”, ao pasar dos 495 do primeiro cuadrimestre de 2014 aos 540 do mesmo período de 2015. Xunto a eles, tamén subiron os GTs -un +16%-, mentres que a cifra de negocio viuse incrementada no mesmo sentido, chegando a superar o +2,1%. 

Outros asuntos de interese

Ademais de informar o Consello de Administración sobre uns datos que cualificou de “moi importantes”, durante a súa intervención López-Chaves expuxo a nova Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP), aprobada recentemente por orde ministerial. Segundo lembrou o máximo responsable portuario, “é a primeira vez na historia que o Porto de Vigo dispón dun documento que fixa os límites do dominio público portuario, así como a zonificación dos seus usos e recolle, por outra banda, as zonas que se desafectan do uso portuario”.

Por último, o Presidente portuario informou da nova valoración dos terreos de dominio público e lámina de auga na zona de servizo do porto olívico, imprescindible para calcular a contía da taxa de ocupación das concesións. Neste sentido, lembrou que, a institución que preside, xa fixo fronte a tres baixadas de taxas consecutivas o que, sen dúbida, “beneficiou ao incremento do tráfico de mercadorías”.

29 de maio de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.