O servizo de teleasistencia de Pontevedra desenvolve unha nova Xornada de Convivencia na comarca do Condado-A Paradanta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Centro Social de Mondariz acolle a terceira xornada de convivencia dos usuarios do servizo de teleasistencia da Deputación, unha xornada festiva e de convivencia coa que se quere romper co illamento social e promover unha vida activa entre as persoas maiores.

A xornada comezará ás 17:00 horas e contará coa participación dos usuarios do servizo na Cañiza, Covelo, Crecente, Ponte Caldelas, As Neves, Salvaterra de Miño, Mondariz, Pazos de Borbén e Soutomaior (16 usuarios). Eles e as súas familias terán a ocasión de gozar da actuación da escola de circo Circonove e de diversas actividades musicais e de animación acompañadas dunha merenda de confraternidade.

Esta xornada forma parte do programa de convivencia que a Deputación puxo en marcha o pasado ano como complemento á atención diaria que se lles oferta ós maiores e ás persoas que viven soas, co obxectivo de darlles a oportunidade de contactar con outras persoas, intercambiar experiencias e romper a rutina.

400 usuarios

Na actualidade son uns 400 veciños dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra os que se están a beneficiar do servizo de teleasistencia da Deputación, un servizo que busca facilitar a permanencia no seu fogar das persoas de idade avanzada ou con problemas serios de saúde que viven soas.

Este servizo garántelles ás persoas unha atención continuada e a seguridade que dá saber que contan cun sistema que lles permite pedir axuda a calquera hora do día, os 365 días do ano, con só pulsar un botón.

814 alarmas atendidas

En 2014 producíronse 814 alarmas desde os terminais ou pulsadores/colgantes distribuídos entre os usuarios destes concellos da comarca do Condado-A Paradanta.

No conxunto da provincia os teleoperadores do servizo de teleasistencia responderon un total de 4.854 avisos.

Os motivos das alarmas atendidas no conxunto da provincia foron: petición de información (630 casos), autorevisión do terminal (616), probas de funcionamento (509), visitas de coordinación ou seguimento (365), conversar un tempo (343), incidencias técnicas (287), comunicacións de ausencia ou regreso (227), emerxencias sanitarias (93), caídas (49), resolución de incidencias (38), emerxencias sociais (29), desinstalacións (20) e queixas (2).

26 de maio de 2015 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.