O servizo de limpeza comeza a campaña de primavera nas zonas do rural vilagarcián

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O servizo de Limpeza pon en marcha mañá a campaña de primavera nas vías e camiños do rural. Como xa se fixera o pasado ano, os traballos serán realizados pola brigada municipal co apoio de persoal e medios materiais dunha empresa externa contratada exclusivamente para esta labor.

Os traballos de limpeza dos rueiros do rural comezarán mañá pola zona sur do municipio, e irán desprazándose cara o leste e norte progresivamente. O concelleiro de Servizos, Jesús Longa, explicou que as primeiras zonas nas que está previsto actuar son os rueiros dos lugares de Eiviño, Galáns, Renza e O Sixto para ir baixando por Fontecarmoa cara as demais parroquias do rural.

A campaña de primavera é unha das máis importantes do ano, posto que despois das intensas chuvias do inverno e coa chegada do sol e a mellora das temperaturas, a maleza medra moi rápido nas zonas do rural, onde a existencia de leiras, arcéns ou monte á beira das rúas, facilita aportes de terra onde prenden as herbas.

Os traballos consistirán na limpeza de herbas das beirarrúas onde as haxa e o desbroce da maleza que invade os arcéns por onde transitan os peóns onde non hai beirarrúas. Tamén se varrerán as calzadas, que tras o inverno soen acumular terra arrastrada polas escorrentías e que supoñen un risco para a circulación ao facilitar o derrape das rodas.

5 de maio de 2015 | 11:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.