O Rio Natura Monbus recibe ao Unicaja na retirada da camiseta de Oriol Junyent
O Rio Natura Monbus Obradoiro volve xogar no Fontes do Sar este domingo ante o Unicaja (12.00 horas), ante o segundo clasificado da liga Endesa, que tamén será moi especial para Oriol Junyent, que verá retirado o seu número. Moncho Fernández, técnico do equipo, non repara en cualificativos para os malagueños: “Teñen nas súas mans ser segundos de liga e ter vantaxe de campo en Playoff. Hai que quitarse o chapeu co temporadón que están a facer”. Tamén fala de Joan Praza: “é un técnico moi intelixente e quererá que os seus xogadores cheguen coa máxima tensión e veñan dar o mellor”, indica.
Cre que é un equipo que “defende moi ben”. “Fan as cousas con moito sentido. Saben perfectamente para quen xogan en cada acción. Ademais, son excepcionais no rebote de ataque, diría que o mellor equipo da liga nisto, e foi o factor determinante na ida a pesar do noso gran partido. E por último, cando tes xogadores de tanta calidade, permíteste moita polivalencia: xogar con dúas bases, con dous escoltas, con dous beirados, con Carlos Suárez facendo de tres ou de catro indistintamente, etc. Un fondo de armario que che fai a vida difícil”, explicaba o de Pontepedriña.
Detalla que son “tipos grandes, duros e físicos: Toolson, Kuzminskas, Suárez, Vázquez, Golubovic, Granger, Markovic…”. Contra eles, o Rio Natura Monbus Obradoiro pelexará “coa mesma fame e necesidade que se necesitásemos a vitoria por conseguir a permanencia. Está a tocarnos un final de calendario con equipos de máximo nivel e cumprimos xa o obxectivo principal, pero todos queremos máis, sobre todo cando xogamos diante do noso público. Queremos bater a un destes equipos de Euroliga e lograr o segundo mellor rexistro de vitorias na historia do club”, afirma tallante.
En referencia aos seus, Fernández explica que “para poder competir contra un Unicaja que vén alerta hai que estar moi acertado”. Para iso, é imprescindible controlar as perdas: “Se acabas de ter unha, non podes facer o seguinte ataque desorganizado ou de cinco segundos; tes que facer un seguinte ataque con bloqueos de calidade, así que haberá que traballar bloqueos e liñas de pase. Os erros forman parte do xogo; o que non podes é encadealos porque traslada unha carga de depresión que mata”.
En calquera caso, o adestrador obradoirista conta ter de novo o respaldo do seu pavillón, nunha cita especial ademais polo nome de Oriol Junyent, que deixará o baloncesto cunha homenaxe na que foi a súa casa os últimos anos. “Se sempre quero que estea cheo, neste partido, máis. É un xogador moi importante para a nosa historia, que se sacrificou e foi un exemplo. Teno moi merecido e espero que se lle dedique a ovación que se merece, aínda que os árbitros nos rifen porque o partido teña que comezar e a xente aínda estea a aplaudir”, puntualizaba. Para que así sexa, o club puxo todas as entradas do pavillón a tan só 15 euros, en homenaxe ao dorsal do catalán.











