O Rio Natura Monbus Obradoiro valora o éxito da Zona Monbus
O membro do Club de Empresas Obradoiro, Monbus, completou unha tempada máis o seu patrocinio da Zona Monbus, unha bancada especial no Fontes do Sar que permitiu gozar dos partidos do Rio Natura Monbus Obradoiro con ofertas especiais de entradas e transporte ao pavillón para menores de idade.
A Zona Monbus permaneceu activa este ano en 15 das xornadas en Sar, nas que a gozaron un total de 42 colectivos entre clubs de formación, institutos e outras asociacións, beneficiando así a 1.991 asistentes. Ademais, a actividade abarcou xeograficamente as catro provincias galegas e mesmo Portugal.
O director xeral do Rio Natura Monbus Obradoiro, José Luís Mateo, fai balance da iniciativa e valora como “un éxito do departamento comercial e de mercadotecnia do club, pois permitiu a case dous milleiros de mozos, a maioría deles de fóra da nosa cidade, asistir polo menos a un partido da liga Endesa a un prezo reducido. O Club de Empresas Obradoiro ten entre unha das súas finalidades, ademais de achegar un valor engadido e exercer de vehículo de promoción e comunicación para os patrocinadores, pór en marcha proxectos e iniciativas das que se poidan beneficiar os propios afeccionados, como ocorreu coa Zona Monbus”. O directivo espera “poder repetilo a próxima tempada, revisando as ofertas e facéndoo aínda máis atractivo se cabe para os colectivos aos que lle poida interesar”.
Ademais do copatrocinio principal do equipo e desta zona especial, durante esta campaña Monbus levou a cabo mediante redes sociais numerosos concursos e sorteos en colaboración co club. O último afortunado neles recibiu por sorpresa a camiseta orixinal de Alberto Corbacho de mans do propio balear nas oficinas do club.











