O Rio Natura Monbus Obradoiro premia o apoio dos abonados cunha oferta para o último partido en Sar
O Rio Natura Monbus Obradoiro disputará en Sar a última xornada desta campaña na liga Endesa, fortín onde coa calor dos seus afeccionados, conseguiu ata agora un espectacular balance de 12 vitorias en 16 encontros disputados. Será ante o Laboral Kutxa Baskonia (domingo, 18.00 horas), equipo que disputou o Top 16 da Euroliga.
Para premiar ao público santiagués, artífice en boa medida destes triunfos, o club activa para os abonados unha oferta de entradas a 9 euros en calquera sector do pavillón. Esta promoción súmase así á do Partido dos Nenos, que tamén permite a todos os menores de 18 anos comprar entradas a 9 euros en calquera zona do Fontes do Sar, desde as Tribunas Retráctiles ata os Fondos.
Deste xeito, os abonados poderán convidar aos seus achegados a gozar do último partido de baloncesto de Liga Endesa ata a volta de vacacións, no mes de outubro.
As entradas coa promoción pódense comprar por internet as 24 horas do día, tanto en caso de abonados como de nenos. Tamén nas oficinas situadas no propio Multiusos, con horario de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.
Os prezos xerais para a cita son de 19 euros en Fontos, 25 en Tribunas 1 e 29 en Tribunas Retráctiles. Tamén existen os habituais Prezos Reducidos para estudantes menores de 25, maiores de 65, parados de longa duración ou federados do baloncesto. Nestes casos, os pases custan 15 euros en Fondos e Tribunas 2 ou 19 euros en Tribunas 1.











