publicidade hoxe

O recinto feiral estradense recupera a súa actividade coa 3º Encontro de Palilleiras e a 47ª Feira de Antigüidades e Artesanía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaCalendario
A-
A+

Por cuarto ano consecutivo, a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, celebra a súa tradicional Feira de Labores, complementada polo 3º Encontro de Palilleiras e a 47ª Feira de Antigüidades e Artesanía. O recinto feiral permanecerá aberto en horario ininterrompido de dez a vinte horas, sendo a entrada gratuíta para todos os visitantes.

Na xornada do domingo, daranse cita no recinto máis de duascentas palilleiras e fiandeiras, chegadas das catro provincias galegas e pertencentes a unha trintena de asociacións. As Asociacións locais de Codeseda, Nigoy, Arca, San Jorge de Vexa, San Miguel de Castro e Matalobos, tamén estarán presentes. A 4ª Feira de Labores, conta co patrocinio directo de máis dunha vintena de colaboradores entre institucións públicas e empresas privadas do sector téxtil. Dentro das institucións públicas, cabe destacar: Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Pontevedra, Concello da Estrada, Axencia de Turismo de Galicia, Turismo Rías Baixas e Fundación Centro Galego da Artesanía e o Deseño.

En canto ás empresas privadas do sector téxtil, unha nutrida representación das mellores, colaboran directamente co certame, achegando en especie material promocional. Dentro destas cabe destacar: Coats Fabra, Coats & Clark, Gütermann, S.A.U.,Creaciones y Distribuciones Textiles Texper, S.L., Salvador Figueras, S.A., Manos Maravillosas, Bordelay, S.L., Compañía Sales Work Ibérica, S.L., Alternativas Publicitarias, S.L., Textil Juan Moragas, S.A., AUSLAE-A Estrada, Peña Sociedad Textil, S.A., DMC Ibérica.

Pola súa banda, tres das firmas participantes no certame de labores, impartirán un total de seis talleres, abertos ao público en xeral. Estes talleres, abarcarán as disciplinas de Encaixe, Malla, Fivolité, Costura creativa, Fiado tradicional e bixutería de Swarovsky con contas de cristall. As tres primeiras disciplinas, serán impartidas por persoal altamente cualificado da firma local El Taller de tus Labores, o cuarto taller impartirao Aurora Rodil, o de fiado tradicional, correrá a cargo da Asociación Cabanas Rural e o de bixutaría impartirao a firma Miskys. Como nota salientable, comentar que El Taller de tus Labores, traerá á mostra a unha especialista asturiana en malla, Josefina Fernández Rodríguez que foi a elixida e encargada de confeccionar un camiño de mesa, agasallo de voda institucional do principado de Asturias con motivo do enlace dos actuais reis de España.

No pavillón seis, daranse cita unha vintena de firmas que conformarán a 47ª Edición da Feira de Antigüidades e Artesanía. Estas firmas son maioritariamente procedentes de Galicia e secundadas por algunha outra firma nacional e portuguesa.

En canto á procedencia dos expositores, o 46,66% son da provincia de Pontevedra, o 33,33% da da Coruña, seguidas de Lugo e Ourense cun 8.33% e 6,66% respectivamente. A representación do resto de España e Portugal, tan só suma o 5% do total. As firmas locais, supoñen un 16,66% do total da provincia de Pontevedra.

Este dobre certame, será a antesala da XXIX Feira Internacional do Moble de Galicia, na cal se están comezando os labores de deseño e comercialización espacial e que se celebrará do 19 ao 27 do próximo mes de setembro.

8 de maio de 2015 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.