O PSOE vigués esixe que a ministra de Fomento resolva a perda do voo a París
A ‘numero dous’ da candidatura do PSOE á Alcaldía de Vigo, Camela Silva, esixiu á ministra de Fomento, Ana Pastor, que poña solución á supresión do voo Vigo-París, e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que denuncie ante a Unión Europea a “competencia desleal que recoñeceu que sofre Vigo respecto a Coruña e Santiago”.
Así o manifestou a colación das declaracións realizadas este luns en Vigo por Núñez Feijóo, quen subliñou que o Goberno galego non subvenciona voos dende finais de 2009, e incidiu en que a Xunta se opón ao financiamento de conexións como a de París cando a liña xa opera sen subvención, neste caso, dende Vigo, xa que supón “competencia desleal”.
Silva transmitiu que, se ben o mandatario galego admitiu que se trataría de “competencia desleal”, a pregunta é se “non vai facer nada”. “¿Non vai denunciar esta competencia ás instancias europeas ou polo menos vai falar cos seus alcaldes -da Coruña e Santiago- e vailles dicir basta xa de axudas que son competencia desleal co aeroporto de Vigo?”, cuestionou.
Igualmente, subliñou que as competencias dos aeroportos son exclusivamente do Ministerio de Fomento e culpou da situación a Ana Pastor, posto que, recalcou, dende “hai 10 días sabía que ía desaparecer o voo a París e non fixo nada para impedilo”. “Antes criamos que era só o señor Feijóo o que quería pechar o aeroporto de Vigo, agora vemos que tamén a ministra é cómplice deste obxectivo”, asegurou.
“Cando os 300.000 habitantes de Vigo mostraron a súa indignación pola competencia desleal que fai que Air France non poida manter este voo, é cando a ministra aparece en escena, ata ese momento estaba no diván”, criticou, antes de engadir que, entre tanto, Feijóo estivo a “aplaudir, encantado de que este voo desaparecese”.
Así mesmo, censurou que Pastor se vaia reunir con representantes de Air France só despois de que Caballero concretase un encontro e, de feito, viaxara este luns a Madrid para reunirse con eles. “Esíxolle á ministra que o arranxe, é a súa obriga, e a Feijóo esíxolle que se comprometa co aeroporto de Vigo, con que non -perda- este voo, e sobre todo que denuncie ante a UE a competencia desleal que hoxe recoñeceu que sofre Vigo”, concluíu.
AEROPORTO CON FUTURO
Silva tamén acusou a Núñez Feijóo de “mentir” cando afirmou que o Goberno galego non subvenciona voos dende finais de 2009, pois foi el quen, “en outubro de 2013, anunciou que a Xunta deixaría de financiar voos a partir de decembro de 2013”.
“Tamén dixo que se ían centrar en promoción turística”, comentou a socialista, o que, baixo o seu punto de vista, equivale a “axudas encubridas a voos en Santiago e en Coruña deixando a Vigo fóra”. “En 2013 non é verdade que deixasen de financiar voos a Santiago e A Coruña, senón que o fixeron pola porta de atrás, a través da promoción turística,” resumiu.
Malia todas estas cuestións, a ‘número dous’, despois de criticar os desvíos por néboa a Santiago de voos destinados a Vigo, que este luns tamén afectaron ao alcalde, aseverou que Peinador manterá a súa ruta a París, xa sexa operado por Air France ou por outra compañía. “Este voo ou outro voo voará de Vigo a París, iso sen ningunha dúbida, e vaino arranxar o alcalde de Vigo”, avanzou.
Neste sentido, trasladou ao Partido Popular que o aeroporto de Peinador, que definiu como “o máis competitivo de todos os aeroportos galegos e o único que pode competir con Oporto”, “se vai converter nun aeroporto de referencia, porque este Goberno local, liderado por Abel Caballero, así vaino lograr”.
“Poden intentar facernos todo o dano que queiran dende a Xunta ou dende Fomento, pero non o van conseguir, o aeroporto de Vigo seguirá sendo un aeroporto con futuro, lle malia quen lle pese”, rematou a edila.
RÉDITO ELECTORAL
Pola súa banda, nunha rolda de prensa a candidata do Partido Popular á Alcaldía, Elena Muñoz, comunicou este luns que a secretaria xeral de Transportes de Fomento e o director xeneral de Air France para España e Portugal mantiveron unha reunión na que abordaron especificamente estes voos e na que se trasladou o “máximo interese” de Fomento en manter a conexión.
Así, destacou que leva 48 horas “en permanente contacto” coa ministra de Fomento co obxectivo de “garantir a continuidade do voo Vigo-París operado por Air France” posto que a cidade olívica “non pode perder o voo a París.
Nesta liña, criticou que “outros se aproveitan da súa condición de rexedor para sacar rédito electoral cunha foto” cando “o Goberno local non fixo nada en seis anos e leva os dous últimos protestando, levantándose da mesa, sen coordinación co resto de administracións, sen diálogo, querendo traballar solo”.
Muñoz denunciou que “esta política de subvencións errática e sen ningún obxectivo trae estas consecuencias”, a punto de perder un voo fundamental”, onde acusou que a Caballero “o voo a París non lle importou e só lle importa agora por motivos electorais, porque quere buscar nese risco o rédito electoral”.











