O programa “Xadrez para tod@s” de Lugo presenta actividades para nenos e nenas e familias
A Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñóz, o Concelleiro de Deportes, Jose Manuel Díaz Grandio e o Presidente da Asociación Cultural Xaquedrum, Pablo Castro, presentaron unha nova edición do programa xadrecístico Xadrez para tod@s e no que se recollen as actividades que se realizarán ao longo dos próximos meses de fomento do xadrez.
Esther Muñóz explicou que “no Concello estamos moi contentos con estas actividades porque ademais de facilitar a vida familiar e laboral tamén se axuda a fomentar o xadrez entre os escolares e no que se traballa a mente e a intelixencia”. Esta actividade ten a colaboración de Sogama, El Progreso, Telelugo, Fornos Fernando Valín, a Escola Luguesa de Xadrez e Confecciones Yute.
Pola súa parte, Díaz Grandío manifestou que “a Escola de Xadrez foi unha aposta por un deporte complementario a calquera outra actividade física moi recomendable para os escolares e adultos”.
Pola súa parte, Pablo Castro, sinalou que todas as actividades son gratuitas e deu conta de cada una delas para os próximos meses:
Torneo Festa Final
O 17 de maio a partir das 16 horas na Praza Maior de Lugo terá lugar a Festa final do Xadrez, no que se prevé a participación de 120 xogadores, tanto escolares como familiares dos mesmos. Os mellores clasificados terán trofeos e medallas nas seguintes categorías: Sub 8, Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 18 e Familiares.
Xaque nas aulas
Que se celebra nos colexios Rosalía de Castro os dias 11 e 12 de xuño e no Luis Pimentel np mes de maio e xuño en horario lectivo e vai dirixido a alumnos de 3º e 4º de Primaria. Esta actividade impártese dende hai máis de 6 anos co obxetivo de potenciar o xadrez entre os nenos e nenas de Lugo xa que supón un instrumento co que se pode adquirir unha maior axilidade mental e habilidade sociais como a capacidade de concentración e de síntesis, a intuición, a memoria e a creatividade.
Xadrez na Rúa e baúl viaxeiro
Entre os días 1 e 16 de xuño de luns a venres de 17 a 20 horas, co fin de dar alternativas aos nenos e nenas vaise levar unha serie de campañas de promoción do xadrez na Praza Maior. Desta maneira, instalarase un xadrez xigante, varios convencionales e o baúl viaxeiro para que todos os que queiran xogar ao xadrez, ler libros e incluso aprender a xogar sobre o tableiro.
Campamento de verán
Durante os meses de xuño e xullo celebraranse tres campamentos deportivos dirixidos a escolares de Lugo dende os 4 e ata os 16 anos. O primeiro deles sera entre o 22 e 26 de xuño, o segundo, do 29 de xuño ao 3 de xullo e o terceiro do 6 ao 10 de xullo no CEIP Illa Verde. O horario será de luns a venres de nove a dúas da tarde e terán como finalidade facilitar a conciliación familiar e laboral ao mesmo tempo que se promociona o xadrez entre os nenos e nenas.
Viaxe pola historia do xadrez
O xadrez tamén se achegará a diferentes barrios da cidade para que nenos e maiores poidan coñecer as súas normas e aprender a xogar, así entre o 1 e o 7 de xullo estarán na Praza Agro do Rolo da Milagrosa, en horario de 19 a 21 horas e do 8 ao 14 de xullo na Praza do Castiñeiro tamén de 19 a 21 horas. Durante estes días, ademais de xadrez tamén haberá o xadrez xigante e a biblioteca itinerante.
Verán Lúdico
Xa nos meses de verán, entre o 1 e o 15 de xullo en horario de 16 a 18 horas e do 16 de xullo ata o 29 de agosto en horario de 16.30 a 19.30 horas de luns a venres vaise a celebrar o Verán Lúdico para fomentar o xadrez durante as vacacións de verán dos nenos e nenas na piscina descuberta de Frigsa. As actividades destinadas aos usuarios da piscina son gratuitas e comprenden unha biblioteca de verán, un punto de xadrez e unha zona de ludoteca con diversos xogos de mesa.











