O programa Sendeiros Rías Baixas bota a andar en Vilagarcía de Arousa
A deputada Begoña Estévez e o organizador das andainas, Juan Romero, presentaron esta mañá o calendario das rutas que se van percorrer na segunda edición de Sendeiros Rías Baixas.
Dirixido a todas as persoas maiores de 7 anos, o programa busca fomentar hábitos de vida saudable entre aqueles colectivos sociais menos acostumados á práctica do deporte ó aire libre. Permite, así mesmo, coñecer de preto os atractivos e recursos naturais e etnográficos dos que dispoñemos.
Despois da boa acollida da primeira edición, os organizadores esperan superar a cifra dos 1.000 participantes do pasado ano.
5 rutas de maio a outubro
O programa bota a andar este domingo 17 de maio no concello de Vilagarcía de Arousa e rematará o 7 de outubro cunha ruta polo concello de Silleda. En total realizaranse cinco camiñadas que, entre maio e outubro, tamén van percorrer os concellos de Covelo, Meis e Ponte Caldelas.
17 de maio: Piñeiro-miradoiro de Lobeira
O concello de Vilagarcía de Arousa será o punto de partida desta segunda edición do programa Sendeiros Rías Baixas.
Cun trazado de 6 quilómetros e de dificultade media, o percorrido comezará o domingo 17 de maio, ás 10:00 h, no campo de fútbol de San Martiño de Sobrán e levará os camiñantes por Piñeiro, o miradoiro de Lobeira e Vilagarcía de Arousa.
Organizaranse varios grupos de persoas para completar o sendeiro; cada un deles irá acompañado por un guía. Ademais, ó longo do percorrido haberá varios puntos de encontro nos que se reagrupará a todos os camiñantes e onde se lles facilitará comida e bebida para repoñer forzas.
Todas aquelas persoas que desexen participar en calquera destas citas, totalmente gratuítas, poden anotarse no Concello polo que transcorre cada un dos sendeiros, a través da web da Deputación de Pontevedra (http://www.depo.es/sendeiros-rias-baixas) ou chamando ó teléfono 986 090 898.











