O programa da Laracha para as Letras Galegas e San Isidro Labrador inclúe propostas para todos os públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Unha das citas culturais e festivas máis importantes do ano no Concello da Laracha chega a mediados de maio coa celebración conxunta do Día das Letras Galegas e o San Isidro Labrador, a data na que no noso municipio se rende homenaxe e se agradece a labor das moitas persoas que dedicaron parte da súa vida á agricultura e á gandería, sectores de destacada importancia histórica e tamén actual na Laracha.

Cada ano o Concello organiza este programa de actividades dirixidas a todos os públicos, animando a participar, especialmente, aos nenos nas propostas culturais, deportivas e educativas e ao colectivo da terceira idade nos eventos sociais.

O programa iniciarase o sábado 16 coa celebración do torneo de xadrez que se desenvolverá na Casa da Cultura da Laracha en horario de mañá. O concurso vai dirixido a rapaces de idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos. Para poder participar é requisito imprescindible formalizar previamente a inscrición (que é gratuíta) no Concello da Laracha. O prazo remata o venres, véspera do torneo.

Ese mesmo día pola tarde no pavillón do IES Agra de Leborís terá lugar unha nova edición da Festa Homenaxe aos nosos maiores, que consistirá nunha misa, xantar e baile. As entradas continuarán á venda ata o martes ao prezo de 10 euros nos centros sociais da Laracha (servizos múltiples), Paiosaco (centro sociocultural da Porta Santa) e Caión (antiga casa reitoral).

Tamén para o sábado pola tarde, a partir das 18:00 horas, está programada a obra de teatro infantil Camiño de historias, de Migallas Teatro, espectáculo que se escenificará na Casa da Cultura da Laracha con entrada libre e gratuíta.

Na xornada do domingo 17, de novo na Casa da Cultura, haberá un contacontos para bebés desde as 12:00 horas titulado Un berce cheo de contos. A entrada tamén é libre e gratuíta.

Xa pola tarde, desde as 18:00 horas, a música e o baile tradicionais galegos serán os grandes protagonistas. As asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión actuarán a partir das 18:00 horas na explanada do IES Agra de Leborís. No caso de que as condicións climatolóxicas non sexan favorables, o espectáculo tería lugar no pavillón dese mesmo centro de ensino.

Exposicións

Durante todo o mes de maio a biblioteca municipal da Laracha acollerá unha exposición sobre a vida e obra de Xosé Filgueira Valverde, escritor e investigador pontevedrés ao que se dedica este ano o Día das Letras Galegas.

No edificio de servizos múltiples tamén hasta final de mes permanecerá aberta ao público a mostra titulada O patrimonio marítimo de Galicia que se organiza en colaboración co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).

Por último, salientar que no programa tamén se inclúen, como cada ano, as exposicións dos traballos realizados polos veciños da Laracha que veñen participando desde o pasado mes de outubro nos cursos de manualidades e pintura ó óleo, bisutería, labores de tecido, encaixe de palillos, patchwork e restauración e tapizaría que organizou o Concello.

A exposición da Laracha será a primeira en abrirse o venres 15 a partir das 20:00 horas no baixo da biblioteca municipal da Laracha. Poderá visitarse ata o mércores día 20 en horario de 17:00 a 21:00 horas.

Para o venres día 22 están programadas as aperturas das mostras de Caión (antiga casa reitoral) e de Paiosaco (centro sociocultural da Porta Santa). En ambos casos poderanse visitar durante esa fin de semana de 17:00 a 20:00 horas.

8 de maio de 2015 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.