O presidente da Xunta gaba a traxectoria dos Pontevedreses do ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
O presidente da Xunta co conxunto de premiados. Foto: A. Varela

O presidente da Xunta co conxunto de premiados. Foto: A. Varela

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, gabou hoxe a traxectoria dos galardoados cos premios “Pontevedreses do Ano” e destacou que neles latexa a superación dos individualismos e o anhelo de logros colectivos. “Son a representación dun país de xentes e colectivos que demostran a súa fe nel, configurando ideas que loitan contra o efémero e pasaxeiro. Podemos dicir de todos eles que creron firmemente no porvir da súa terra, e que acertaron”, aseverou.

Durante o acto, Feijóo afirmou que existe entre eles un vencello que é a constancia, xa que o paso do tempo non logrou que esmorecera a ilusión inicial de cada un destes proxectos asociativos ou traxectorias vitais. Así, subliñou que non é efémero nin fugaz o traballo de Inmaculada Paz Andrade, “a quen podemos aplaudir tanto polas súas investigacións en materia de termodinámica, como polo sistema para predicir o perigo de incendios forestais”.

O responsable autonómico referiuse tamén ao Club Cisne, que desde 1964 contempla o paso de varias xeracións de pontevedreses; á Panadería Acuña, “cuxa cuarta xeración desminte o tópico de que as empresas familiares están condenadas a unha lenta decadencia”; e ao Banco de Alimentos, que distribúe comida a 21.000 persoas, “reflectindo necesidades ás veces agochadas e unha solidariedade permanente da sociedade pontevedresa”.

Así mesmo, lembrou que foi alá polos anos setenta cando se crearon os Colexios Universitarios que serían o xermolo dunha Universidade de Vigo que conta hoxe con preto de 22.000 alumnos, e que inicia unha etapa “espléndida” co Campus Crea. “E uns anos antes –engadiu-, no 1966, un grupo de pontevedreses decidiron establecer un lugar de encontro para inquedanzas entón espalladas: o Ateneo de Pontevedra”, engadiu.

Logo de recordar que en cabeza desa escolma intelectual que formaron a forza motriz do Ateneo estaba Xosé Filgueira Valverde, Feijóo aproveitou para lembrar a tres figuras do mundo do xornalismo recentemente falecidas, como son Jesús Hermida e os galegos Juan Ramón Díaz e Vicente Leirachá, Vituco. Para o mandatario galego, era obriga aludir a estes profesionais dado que os anfitrións da gala son xornalistas. Sobre Jesús Hermida, o presidente da Xunta apuntou que representa o xornalismo máis espectacular e asegurou que a súa voz e imaxe quedarán para sempre asociadas a acontecementos que marcaron as vidas dos cidadáns. De Juan Ramón Díaz, Feijóo destacou que creou, sen buscalo, unha escola de periodismo galego patente na xente que traballou con el e se contaxiou do seu estilo, así como lle atribuíu o mérito de que Galicia gozara dunha presa de calidade nos momentos máis intensos da transición. Sobre Vicente Leirachá, afirmou que representa, como poucos, o xornalismo vocacional pola súa longa traxectoria en diferentes medios de comunicación.

Por último, o mandatario galego concluíu felicitando ao Diario de Pontevedra por estes premios; “unha iniciativa -dixo- que resalta unha das grandes misións dun medio de comunicación”. “O xornal é o espello onde unha cidadanía se mira e se recoñece. Nel desemboca o latexar cotián dun pobo, e del saen novos impulsos que manteñen ese pobo vivo”, aseverou.

6 de maio de 2015 | 21:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.