O porto de Vigo recibiu a escala do buque da versión alemá de ‘Vacaciones en el mar’

Vista do buque
O Porto de Vigo recibiu hoxe a escala do ‘FTI Berlin. Un buque de cruceiro que deixará na cidade a máis de medio milleiro de persoas, entre pasaxe e tripulación, na súa maioría de nacionalidade alemá. Procedente de Lisboa (Portugal), chegou ás 11.30 e permanecerá ancorado na Estación Marítima ata as 19.00 horas, aproximadamente, momento no que partirá con tombo a St. Peter Port (Reino Unido).
Pertencente ao operador de turismo ‘FTI Group’, o ‘FTI Berlin’ é un barco pequeno, característica que destaca a naviera, de 9.570 toneladas, 139 metros de eslora e 17,5 metros de manga. O ‘FTI Berlin’ foi operado desde a súa inauguración, en 1980, por Peter Deilmann Reederei e, posteriormente, desde o 2004, por ‘Saga Cruises’, co nome de ‘Spirit of Adventure’. No ano 2011, ‘FTI Group’ comprou o buque e someteuno a unha profunda reforma, cortándoo pola metade e engadíndolle un corpo central de 20 metros máis, co obxectivo de aumentar a súa capacidade e a súa oferta á pasaxe.
Pero se por algo destaca este barco é por ser o escenario da versión alemá da popular serie de televisión ‘Traumschiff’, coñecida no noso país como ‘Vacaciones en el mar’, aínda que a súa tradución literal ao inglés sería a de ‘The love boat’, é dicir, ‘O barco do amor’.
A produción orixinal da serie foi obra da cadea ABC que, desde 1977 ata 1986, narraba as historias do Capitán Merril Stubing, a súa tripulación e os pasaxeiros que viaxaban a bordo dun barco de cruceiro. A serie tivo tanto éxito en todo o mundo que mesmo se fixeron versións noutros países, como é o caso de Alemaña. Foi entón cando a cadea ZDF aceptou o proxecto de ‘Traumschiff’ e en 1981 comezou a emitir unha serie moi similar á producida por ABC, pero, neste caso, con protagonistas, ambientación e lingua alemá. A serie tivo como escenario principal ao longo de 33 capítulos (entre 1986 e 1999) ao cruceiro ‘Berlin’, hoxe coñecido como ‘FTI Berlin’.
Características do barco
O ‘FTI Berlin’ é un barco de pequenas dimensións, perfecto para unhas vacacións íntimas e relaxadas, pero con todas as vantaxes dos grandes buques de pasaxe. Destaca especialmente pola súa elegancia e comodidade, cun trato único.
Ademais da súa curiosa historia televisiva, o ‘FTI Berlin’ conta cunha elegante biblioteca con máis de 4.000 volumes e unha ampla colección de CDs e DVDs para os pasaxeiros, ademais de piscina exterior e interior, xunto cunha zona de ximnasio e spa, zona para masaxes e sala de relaxación. Así mesmo, dispón de sala de concertos, onde tamén se fan conferencias e charlas impartidas por invitados especializados en aspectos socioculturais dos países onde fai escala, e pub nocturno. Destaca, ademais, un ‘Biergarten’ ou ‘Xardín da Cervexa’, dispoñible na ponte máis alta e ao aire libre. O ‘FTI Berlin’ conta tamén cun restaurante, aínda que ofrece a alternativa informal que supón unha terraza aberta xunto á piscina exterior.











