O Porto de Vigo recibe a primeira tripla escala de cruceiros da tempada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O Porto de Vigo recibirá  mañá sábado a primeira tripla escala de cruceiros da tempada, o que suporá máis de 10.000 persoas que chegarán á nosa cidade por mar, principal vía de entrada de turistas estranxeiros en Vigo. O primeiro en atracar no Porto vigués será o ‘Ocean Majesty’. Será ás 06.00 horas. Procedente de Lisboa (Portugal), está previsto que ás 08.00 horas continúe coa súa singradura. Traerá a bordo un total de 299 pasaxeiros, dos que 152 desembarcarán en Vigo, ademais de 244 tripulantes. Trátase, na súa maioría, de turistas alemáns -142 pax.- 

Propiedade da compañía ‘Majestic Internacional Cruise’, ten 135 metros de eslora por 19 de manga e un rexistro bruto de 10.417 toneladas. O buque foi sometido a unha reconstrución completa desde 1991 ata a primavera de 1994. Desde entón, leváronse a cabo numerosas obras de renovación adicionais, aínda que, cada ano, e durante a tempada de inverno, actualízase manténdose sempre nas mellores condicións. 

Construído no ano 1966, o hoxe coñecido como ‘Ocean Majesty’, non é outro que o antigo ‘Juan March’, primeiro dos catro ferries da serie ‘Albatros’ de Compañía Trasmediterránea, que inauguraron, a mediados dese mesmo ano, unha nova etapa na historia das comunicacións marítimas entre Canarias e a Península, coa posta en servizo dos buques ‘Santa Cruz de Tenerife’, ‘Las Palmas de Gran Canaria’ e ‘Cidade de Compostela’.

En 1984 foi entregado a ‘Sol Mediterranean Lines’ no porto de Barcelona, onde o buque se atopaba amarrado. Rebautizado como ‘Sol Cristiana’, en 1986 foi vendido a ‘Opal Lines’ e pasou a navegar co novo nome de ‘Kypros Star’. Nese mesmo ano pasou a mans da sociedade chipriota ‘Health Shipping Co. Ltd.’, sendo operado por ‘Commecial Corp.’.

En 1989 adquiriuno o armador grego Chios Breeze Marine Co., sendo transformado en cruceiro de turismo co novo nome de ‘Ocean Majesty’. A superestructura sufriu importantes cambios e só a proa permite recoñecer o seu pasado. Entre 1994 e 1995 estivo fretado por ‘Epirotiki Cruises’ e navegou cos nomes de ‘Olympic’ e ‘Homeric’, respectivamente. En decembro do citado ano foi rebautizado de novo ‘Ocean Majesty’ e realizou viaxes por conta dos operadores ‘Orient Cruises Lines’ e ‘Nouvelles Frontieres’.

Dous xigantes en Vigo

Ás 08.00 horas, tocaralle a quenda ao ‘Ventura’. Procedente de Southampton (Gran Bretaña), permanecerá atracado no Peirao de Transatlánticos ata as 17.00 horas, momento no que porá rumbo a Lisboa (Portugal). Durante a súa estancia na nosa cidade traerá a bordo a máis de 4.200 persoas, entre pasaxe e tripulación, na súa maioría de nacionalidade británica –preto de 3.000 pax.-.

O ‘Ventura’ foi construído no ano 2008 e ten capacidade para acomodar a un total de 3.574 pasaxeiros e 1.226 tripulantes, ao longo dos seus 290 metros de eslora e 36 de manga. A bordo, o pasaxeiro ten á súa disposición moitas áreas para o relax e o entretemento, entre as que destacan un espectacular ‘lounge’ con vistas panorámicas ou as amplas e agradables zonas refrescantes, coas súas 5 piscinas, unha delas con xerador de ondas.

A súa extensa oferta gastronómica, con restaurantes de todo tipo, e o seu tamén extenso programa ideado para os máis pequenos, son outros trazos que destacan deste buque de 115.000 toneladas de rexistro bruto.

Para os amantes da arte, o Ventura conta cunha extensa galería con ao redor de 7.000 obras ao seu alcance. A bordo existen, ademais, unha infinidade de camarotes de moitas categorías, o 80% deles exteriores e o 90% dos exteriores con balcón privado. 

E por se isto fose pouco, o Porto vigués acollerá  tamén ao xigante ‘Anthem of the Seas’, con preto de 5.400 persoas -entre pasaxe e tripulación-. Procedente de Arrecife, chegará á Estación Marítima ás 10.00 horas e está previsto que sobre as 17.00h., aproximadamente, poña rumbo a Southampton (Gran Bretaña). 

Vigo foi o primeiro porto do mundo onde fixo escala o buque, tras a súa inauguración en Gran Bretaña. Con 350 metros de eslora e 40,8 metros de manga, o barco conta con 16 cubertas, un rexistro bruto de 167.800 toneladas, capacidade para transportar a bordo a un total de 4.180 pasaxeiros en ocupación dobre en 2.090 camarotes, ademais de 2.384 tripulantes 

Pertencente á nova ‘Clase Quantum’ e considerado como o barco do futuro, o ‘Anthem of the Seas’ é, ademais, o 2º máis grande do mundo. Conta con grandes novidades, como o primeiro simulador de paracaidismo en alta mar, un guindastre atalaia que transporta aos pasaxeiros a máis de 90 metros de altura e desde onde poden gozar das mellores vistas, as zonas de lecer máis vangardistas, que inclúen os complexos de deporte e entretemento cubertos máis grandes en alta mar con coches de choque, patinaxe e moito máis.

Ademais, dispón dos camarotes máis grandes e modernos de  toda a historia de Royal Caribbean, que inclúen os primeiros balcóns virtuais da industria. Así mesmo, os pasaxeiros poderán gozar da extensa variedade gastronómica das súas 18 restaurantes, dos seus shows e os seus espectáculos no ‘Music Hall’, ‘Royal Theater’, e a ‘Royal Esplanade’. 

O ‘Anthem of the Seas’ visitará o Porto de Vigo ata en dez ocasións ao longo desta tempada. En total, deixará en Vigo a, aproximadamente, 54.000 persoas. 

Balance

A tripla escala de mañá sábado será a encargada de pór o broche de ouro a un arranque de tempada que nada ten que ver cos datos rexistrados no mesmo período de 2014. Así, ata a data, o Porto de Vigo recibiu a un total de 38.306 pasaxeiros e 19.447 tripulantes, o que supón unha subida do +77%, respecto ao mesmo período de 2014. 

En canto ao número de escalas, o Peirao de Transatlánticos pasou das 18 escalas rexistradas ata o mes de maio de 2014 a un total de 25. Así mesmo, e respecto das escalas inaugurais, ata a data contabilizáronse un total de 6 recibimentos de novos buques en Vigo, algúns deles novos, como o ‘Anthem of the Seas’, recentemente saído do estaleiro, outros case novos, como o ‘Britannia’, e outros, como o ‘Asuka II’, que aínda que ten xa certa antigüidade, supuxo unha importante novidade para o Porto vigués, ao ser o primeiro cruceiro xaponés en Vigo e resto do norte español. Pola contra, en 2014, a estas alturas do ano, o Porto de Vigo celebrara tan só a escala inaugural do pequeno ‘Louis Aura’.

29 de maio de 2015 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.