O Porto de Vigo recibe a máis de 2.600 persoas coa escala do Aurora
O Porto de Vigo recibirá ao longo da xornada de hoxe a máis de 2.600 persoas, entre pasaxeiros e tripulación, con motivo da escala do Aurora. O barco, que chegou ao Peirao de Transatlánticos ás 08.00 horas de hoxe procedente de Lisboa (Portugal), trae a bordo un total de 1.785 pasaxeiros (1.758 británicos), ademais de 830 tripulantes. Ás 16.00 horas, aproximadamente, dirá adeus aos peiraos vigueses para pór rumbo a Southampton.
Do mesmo xeito que o seu irmán Oriana, o Aurora ofrece uns interiores elegantes e unha sensación de gran espazo interior, ademais dun aire moi británico a bordo pola súa decoración clásica á vez que moderna. De feito, P&O Cruises é unha compañía de cruceiros británica que combina o mellor do tradicional servizo inglés cunha das mellores seleccións de destinos no mundo. Por iso, nos buques de P&O atopamos un ambiente moi británico. Practicamente o 100% dos pasaxeiros que navegan con esta compañía son ingleses, escoceses, irlandeses… A bordo podemos atopar a familias enteiras con nenos en tempada de verán e en tempada baixa a parellas de mediana idade e xubilados.
Diversas opcións para a pasaxe
A bordo do Aurora, o pasaxeiro poderá atopar distintas zonas públicas. O entretemento e as actividades que se ofrecen durante o cruceiro están pensadas exclusivamente para o pasaxeiro británico. É un barco que se adapta perfectamente ás familias, xa que dispón de camarotes contiguos para aloxar a pais e nenos en dous camarotes interconectados. Existen ata 26 tipos de tarifas distintas para elixir o camarote que mellor se adapte ás necesidades do pasaxeiro, entre elas, hai 655 cabinas exteriores, das cales 406 son con balcón.
Así mesmo, destacan especialmente as distintas zonas pensadas para os máis pequenos, como o “ToyBox”, o “Jumpin’s Jack”, o “Quarterdeck” e o “Decibels”. Pola súa banda, os máis maiores poden probar sorte no casino, asistir a unha degustación de viño ou ir de compras nunha das boutiques do barco.
Para os amantes da gastronomía internacional, existen varias opcións, como o restaurante principal, o restaurante alternativo e o exclusivo “Café Bourdeaux”, para amantes da gastronomía francesa, o buffet libre, o grill… Tras a cea, o pasaxeiro pode gozar do humor inglés ou dun musical ao estilo Broadway no elegante “The Stadium Theater”, aínda que tamén existen lugares para o relax, como o spa de a bordo, a zona termal ou o completo ximnasio con vistas ao exterior desde proa.
A flota de P&O Cruises está composta por un total de 7 barcos, que ofrecen distintos estilos de cruceiro mantendo en todos eles os mesmos estándares de calidade. Mentres uns están deseñados para viaxar con familias, outros se reservan unicamente para adultos. Son tradicionais as súas voltas ao mundo que anualmente realizan dous ou tres dos seus barcos. As súas naves asucan os mares de América, Mediterráneo, Norte de Europa e Islandia, África, Asia, Australasia, Canle de Panamá, Caribe e Océano Índico.
Dobre escala e visita inaugural
Mañá, o Peirao de Transatlánticos volverá recibir unha dobre escala de cruceiros, coa Costa Luminosa e o MSC Orchestra, dous xigantes de 294 e 293 metros de eslora respectivamente e capacidade para acoller a un total de 2.826 pasaxeiros e 1.050 tripulantes –no caso da Costa Luminosa-, e 2.550 pasaxeiros e 1.054 tripulantes no caso do MSC Orchestra.
Tras a escala do Oriana prevista para o venres, o fin de semana protagonizarano as escalas do Silver Explorer -o sábado-, que fondeará fronte ás Illas Cíes, e a primeira visita a Vigo do Corinthian -o domingo-. Un luxoso cruceiro de pequena eslora -89 metros- e con capacidade máxima para 98 pasaxeiros.











