O plan de transporte metropolitano de Vigo xa leva repartidas 7.000 tarxetas desde a súa posta en marcha
A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, destacou hoxe que o Plan de Transporte Metropolitano de Vigo leva distribuídas 7.000 tarxetas desde a súa posta en marcha, o pasado 27 de abril. En resposta a unha pregunta en comisión parlamentaria, explicou que a Xunta de Galicia ten as portas abertas á incorporación a este sistema de novos concellos da área, como o de Vilaboa, unha incorporación solicitada desde o PSdeG, o mesmo partido que non apoiou a incorporación doutros 11 concellos da comarca. “Afortunadamente, os votos só foron decisivos nun destes casos: en Gondomar, polo que os seus veciños están obrigados a pagar máis caro o seu transporte e perden uns aforros duns 600 euros ao ano”, indicou a directora xeral.
Helena de Lucas destacou que os usuarios da área de Vigo teñen acceso a descontos medios de 600 euros ao ano e non gozan de transbordos gratuítos no bus urbano pola negativa do concello de Vigo a incorporarse ao Plan. O plan botou a andar cos doce concellos que subscribiron o convenio coa Xunta de Galicia para a súa posta en marcha e reducirá o prezo dos desprazamentos entre eses municipios, así como entre eses concellos e o de Vigo.
Os concellos integrados no Plan de Transporte Metropolitano da Área de Vigo son Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Redondela, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Pazos de Borbén. Os veciños de Vigo tamén se poden beneficiar deste plan nas súas viaxes aos concellos limítrofes, aínda que, pola ausencia deste concello do Plan non se inclúen nel os transbordos gratuítos no urbano
Helena de Lucas manifestou, en comisión parlamentaria, a súa alegría polo feito de que máis concellos queiran adherirse ao plan avala o éxito do mesmo e as vantaxes para os veciños. “Espero que proximamente poidamos incorporar ao concello de Vigo e alégrome moito de de que esteamos todos a traballar xuntos polo interese xeral”. Reiterou que a Xunta aposta por estender este sistema de transporte público ao maior número de concellos, como demostra o feito de que nos últimos anos seis municipios se sumaron a el seis concellos e, a semana pasada, catro máis.
Segundo explicou hoxe a directora xeral de Mobilidade a Xunta, para a constitución da área de transporte metropolitana de Vigo, contou cos concellos integrantes da área metropolitana de Vigo, estabelecida na LEI 4/2012, de 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo. “Por iso comezamos a traballar cos catorce concellos que compoñen a área metropolitana, porque entre eles xa temos detectada a relevancia das relacións de transporte. Ese é o motivo e non outro para que Vilaboa non estea integrado na área de Vigo á data de hoxe”, indicou Helena de Lucas.
A representante do Goberno autonómico indicou que aínda que Vilaboa solicitou formalmente á súa integración na área de transporte o ano pasado, non se ten incorporado nesta primeira fase, porque “a creación da área é un proceso de traballo no que unha vez decididos os concellos integrantes e comezado a análise dos tráficos, non podemos ir cambiando o criterio se o que queremos é avanzar de xeito eficaz”.
Agora é a momento de estudar os tráficos e facer os estudos necesarios con rigor de cara á futura ampliación desta área de transporte metropolitano que acaba de nacer.
En resposta a unha pregunta parlamentaria, De Lucas explicou que nos últimos anos integráronse seis concellos ás áreas creadas en 2010 e a semana pasada as comisións de seguimento de Lugo e A Coruña acordaron, a proposta da Xunta, integrar catro concellos máis. Así, coa posta en funcionamento de Vigo estamos a falar de 61 concellos cando en 2010 eran 39.
O funcionamento deste servizo implica a 11 empresas de autobuses e as tres navieiras que realizan o transporte de ría entre Cangas e Moaña e Vigo.











