O pivote Oriol Junyent asistirá este domingo á súa homenaxe e retirada de camiseta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus Obradoiro – Unicaja (domingo 10, 12.00 horas) será probablemente un dos partidos máis emotivos para Oriol Junyent, a pesar de ser posterior á súa retirada das pistas. O pivote asistirá nel á súa homenaxe e retirada de camiseta.

Ninguén máis lucirá o número 15 no Rio Natura Monbus Obradoiro. É un feito que será consumado este domingo na previa do encontro ante o Unicaja malagueño, onde se renderá homenaxe ao eterno capitán e a súa camiseta será retirada e colgada no máis alto do pavillón, onde só reside ata o momento a doutro ídolo obradoirista: Bernard Hopkins.

Para que o encontro sexa unha total ofrenda ao catalán, o Rio Natura Monbus Obradoiro quere que acudan todos os afeccionados que o viron xogar algunha vez, e para iso, decora o pavillón co número do seu dorsal: todas as entradas ao Fontes do Sar valerán para este encontro 15 euros.

Así, Junyent poderá recibir os aplausos de Fondos, Tribunas 2, Tribunas 1 e Tribunas Retráctiles polos seus anos de dedicación e achega ao equipo conducido por Moncho Fernández.

A venda está xa aberta tanto mediante a páxina web do club (www.obradoirocab.com) como en oficinas, con horario de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.

4 de maio de 2015 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.