O luns comezan as estancias socioterapéuticas para mulleres operadas de cancro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O luns 1 de xuño dará comezo a 10ª Edición de Vitalia: Estancias socioterapéuticas en centros de descanso para mulleres operadas de cancro. Proxecto ideado e posto en marcha pola AECC Ourense, naceu no 2004 para dar resposta a unha problemática que as mulleres con cancro de mama estaban a experimentar en relación a esta enfermidade polas secuelas que esta lles provocaba e polas dificultades que atopaban para readaptarse ás súas vidas diarias despois dos tratamentos.

Debido aos bos resultados que se obtiveron, desde o 2007Vitalia é un proxecto autonómico, promovido polos departamentos de Traballo Social da AECC Ourense, AECC Pontevedra e AECC A Coruña, que busca a readaptación á vida diaria das mulleres diagnosticadas de cancro, empregando para elo as terapias e actividades grupais máis innovadoras e pioneiras no tratamento e rehabilitación do cancro. Participarán arredor de 25 mulleres operadas de cancro vidas de toda Galicia.

A estancia realizarase na Residencia de Ocio e Tempo Libre de O Carballiño, desde hoxe ata o próximo xoves 4 de xuño. Contémplase un programa completo de carácter rehabilitador e convivencial con aulas de saúde, nutrición, autoestima, estratexias de afrontamento, empoderamento social, coidados estéticos e automaquillaxe, risoterapia, relaxación e danza, dinámicas grupais e rutas de sendeirismo, entre outros.

Participarán un total de 12 profesionais de diversos ámbitos e especialidades co obxectivo de ofrecer unha programación que contempla todos os aspectos que poidan resultar de interese de cara a facilitar o proceso de recuperación e aprendizaxe desde un punto de vista rehabilitador e positivista.

29 de maio de 2015 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.