O Jofre acollerá a representación de “Harket Protocolo” e do espectáculo humorístico “Glam Slam, solo Fabiolo”
A Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado, organiza esta fin de semana dous eventos escénicos de carácter teatral e humorístico dentro da programación que desenvolve no Teatro Jofre. Así, a obra “Harket Protocolo”, gañadora do Premio BBVA 2014 nas categorías de mellor espectáculo e mellor actriz, será representada a partir das 20:30 horas no teatro municipal.
Cristina Harket, persoaxe interpretado pola actriz Cristina Fernández, é voluntaria dun proxecto de investigación sobre a posibilidade de sobrevivir nun búnker durante un mes, para o que conta coa única axuda dun sistema de intelixencia artificial. Pero algo sae mal e o mes convértese en algo máis dun ano e medio. As portas do búnker seguen pechadas. Harket Protocolo é un espectáculo interdisciplinar que inclúe danza, teatro, humor, música e deseño.
Así mesmo, a programación cultural para esta fin de semana ten outra cita o vindeiro domingo 31 no Jofre e forma parte do ciclo de monólogos programado polo Concello de Ferrol. O polifacético Rafael Maza e o seu alter ego “Fabiolo” chegan a Ferrol para ofrecer, a partir das 20:00 horas, o espectáculo humorístico “Glam Slam, solo Fabiolo”. Un evento onde o importante é a risa do público ante a mordaz visión de Fabiolo sobre os problemas da actualidade que incluirá a aparición de persoanxes do máis distinto nun exercicio virtuoso de imitacións e acentos.
Venda de entradas
As persoas interesadas en asistir a estes eventos escénicos, que se desenvolverán esta fin de semana no Jofre, poderán adquirir as súas entradas no propio despacho do teatro municipal ou a través da páxina web: www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural).











