O Igape sinala a importancia da formación especializada para que as empresas consigan acceder a contratos internacionais
O director do Igape, Javier Aguilera, salientou esta mañá na apertura do programa de especialización en preparación de licitacións internacionais que se desenvolve na sede da CEG, e salientou a importancia de que as empresas conten con formación axeitada para acceder a contratacións internacionais de organismos multilaterais ou de axencias de cooperación.
O curso, organizado polo Servizo de Licitacións Internacionais, impulsado conxuntamente polo Igape e a CEG, que se desenvolve ata outubro, inclúe sesións presenciais, titorías personalizadas e seminarios en liña, co obxectivo de capacitar a xestores de empresas galegas para incrementar o seu negocio exterior mediante contratos de execución de obras, adquisición de subministros ou contratación de servizos por organismos internacionais.
Co programa iniciado hoxe preténdese mellorar as posibilidades de éxito das empresas galegas con capacidade para concorrer a licitacións internacionais de obras ou servizos contratados por organismos internacionais. Ata o próximo 7 de outubro, as empresas participantes neste curso terán oportunidade de reforzar o seu potencial para mellorar as súas posibilidades de conseguir contratos internacionais.
Precisamente mellorar o potencial de internacionalización das empresas galegas, mediante a achega de servizos axeitados ás diferentes fases de internacionalización das compañías, é un dos obxectivos da Estratexia de Internacionalización que está a impulsar a Xunta de Galicia para incrementar a proxección exterior do tecido produtivo galego durante os próximos anos.











