O Igape destaca en Ferrol a mellora competitiva que os sistemas de xestión Lean achegan ao naval galego

Javier Aguilera no seminario de Aclunaga
O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe en Ferrol o potencial de mellora competitiva que a utilización dos sistemas de xestión denominados Lean –baseados na calidade, a mellora continua, e a axilidade– pode achegar ás empresas do sector naval galego.
Durante a súa participación no seminario Lean Naval organizado por Aclunaga no CIS Galicia, Aguilera lembrou que o programa ReAcciona, aberto á presentación de solicitudes polas empresas interesadas, achega servizos como o de optimización da produción para favorecer a incorporación destes sistemas de mellora de xestión ás pemes.
O director do Igape recordou tamén que a Xunta está a impulsar o papel do CIS Galicia como centro coordinador das accións de cooperación de empresas e centros de investigación para impulsar o desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras ao servizo do naval e no marco da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0.
No seminario desenvolvido na sede do CIS Galicia houbo relatorios sobre os retos do sector naval galego e as posibilidades de mellora competitiva das empresas mediante a incorporación da xestión máis eficiente con procesos asentados na filosofía Lean. Tamén houbo exposicións de expertos sobre as técnicas e ferramentas Lean, exemplos da aplicación desde sistema a empresas do naval galego e simulacións de carácter práctico.
O obxectivo deste encontro foi o intercambio de ideas para impulsar unha mentalización sectorial conxunta para promover e facilitar a posta en marcha de sistemas de xestión Lean para impulsar a mellora da competitividade empresarial.











