O Igape achega as melloras nas condicións dos préstamos Jeremie ás empresas de Ferrolterra

Charla sobre os préstamos Jeremie
O Igape organizou hoxe nunha xornada técnica na sede da Xunta en Ferrol na que se informou sobre as melloras nas bases dos préstamos directos Jeremie, que acaban de publicarse do DOG e que, para impulsar os investimentos das pemes, dos emprendedores e dos autónomos, incrementando o número de proxectos apoiables, incorporan cambios como prazos de amortización máis amplos, ata 11 anos, e tipos de xuro que poden quedar por baixo do 0,5%.
Tal e como se sinalou na xornada, na que participou a directora do Plan Ferrol, Natalia Barros, o Igape flexibiliza ademais os requisitos para financiar proxectos impulsados tamén por autónomos, sociedades civís ou comunidades de bens.
Os préstamos concedidos polo Igape ao abeiro desta liña, cofinanciados con fondos europeos, poderán estar comprendidos entre 49.000 euros e 1,8 millóns de euros (o abano de importes estaba antes entre 70.000 euros e un millón) e poden financiar ata o 70% dos proxectos, sexan de novos investimentos, de ampliación de instalacións xa en marcha ou orientadas á diversificación da produción.
Os xuros dos préstamos directos Jeremie, fixos, determinaranse no momento da concesión para toda a vida das operacións, tomando como referencia o prezo do euríbor a un ano e sumando un xuro adicional que será só do 0,1% para os préstamos de ata 840.000 euros ou para os tramos de préstamos garantidos mediante aval bancario ou dunha sociedade de garantía recíproca.
Para préstamos de superior contía, o xuro final efectivo establécese en dous tramos: euríbor máis 0,2 para as contías comprendidas entre os 840.000 e 1.400.000 euros, e un diferencial do 0,5% para os tramos do préstamo comprendido entre 1,4 e 1,8 millóns de euros. O xuro final resultante será a media ponderada en función do importe concedido.
As melloras que veñen de publicarse poderán beneficiar tamén ás empresas beneficiarias de préstamos Igape-Jeremie concedidos con anterioridade, que poderán presentar agora unha solicitude de modificación das operacións para beneficiarse das novas condicións. O prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta liña de préstamos directos estará aberto ata o próximo 30 de setembro.
Os préstamos Jeremie poden financiar tanto os activos fixos materiais asociados ao proxecto de investimento como os activos intanxibles necesarios: aplicacións informáticas, propiedade intelectual e industrial, licencias de fabricación ou gastos en I+D ligados a proxectos de innovación tecnolóxica. Ao abeiro das bases modificadas, pode financiarse o imposto sobre o valor engadido cando este non poida ser obxecto de recuperación ou compensación polo beneficiario.











