O Igape achega ás empresas de Santiago as novas condicións dos préstamos Jeremie

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O director xeral Igape, Javier Aguilera, participou hoxe na xornada técnica desenvolvida en Santiago co obxectivo de achegar ás empresas da comarca as novas condicións melloradas dos préstamos Jeremie, con xuros fixos que poden quedar por baixo do euríbor +0,4% e prazos de amortización de ata 11 anos.

Con contías comprendidas desde 49.000 euros ata 1,8 millóns, os préstamos Jeremie poden financiar ata o 70% de proxectos de novo investimento, de ampliación de instalacións existentes ou de diversificación da produción. De acordo cos cambios incluído nas bases reguladoras, o Igape amplía o espectro dos beneficiarios potenciais para financiar proxectos impulsados tamén por autónomos, comunidades de bens ou sociedades civís.

Os préstamos concedidos ao abeiro das bases Jeremie, fornecidos con fondos europeos, poden estar comprendidos entre 49.000 euros ata 1,8 millóns de euros (o importe estaba antes entre 70.000 euros e un millón). Os xuros dos préstamos, fixos, determinaranse no momento da concesión para toda a vida da operación, tomando como referencia o prezo do euríbor a un ano e sumando un xuro adicional que será só do 0,1% para os préstamos de ata 840.000 euros ou para os tramos de préstamos garantidos mediante aval bancario ou dunha sociedade de garantía recíproca.

Para préstamos de superior contía, o xuro final efectivo establécese en dous tramos: euríbor máis 0,2% para as contías comprendidas entre os 840.000 e 1.400.000 euros, e un diferencial do 0,5% para os tramos do préstamo comprendido entre 1,4 e 1,8 millóns de euros. O xuro final resultante será a media ponderada en función do importe da operación concedida.

O prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta renovada liña de préstamos directos estará aberto ata o próximo 30 de setembro. As melloras que veñen de publicarse poderán beneficiar tamén ás empresas beneficiarias de préstamos Jeremie concedidos con anterioridade á modificación das bases publicada hoxe, poderán presentar unha solicitude de modificación das operacións para beneficiarse das novas condicións.

Cos préstamos Jeremie poden financiarse tanto os activos fixos materiais asociados ao proxecto de investimento –terreos, obra civil, adquisición de inmobles, bens de equipamento ou mobiliarios– como os activos intanxibles necesarios: aplicacións informáticas, propiedade intelectual e industrial, licencias de fabricación ou gastos en I+D ligados a proxectos de innovación tecnolóxica. De acordo coas bases modificadas, tamén pode financiarse o imposto sobre o valor engadido cando este non poida ser obxecto de recuperación ou compensación polo beneficiario.

13 de maio de 2015 | 13:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.