O humor de Canco Rodríguez e o espectáculo para nenos ‘Sopa de Sapo’ chegan ao Teatro Colón esta fin de semana
A programación do Teatro Colón para a fin de semana continúa co espectáculo ‘Yo no soy gracioso’ do actor Canco Rodríguez o sábado 23 e a obra de teatro para público familiar ‘Sopa de Sapo’ de Talía Teatro o domingo 24 ás 18:00 horas.
‘Yo no soy gracioso’ é un espectáculo do actor malagueño Canco Rodríguez no que confesa a súa incapacidade para facer rir ao público. O actor e humorista que saltou á fama tras a súa interpretación de ‘El Barajas’ na serie Aída comezou facendo teatro de rúa na súa Málaga natal antes de mudarse a Madrid e continuar os seus estudos na prestixiosa escola de interpretación de Cristina Rota. Ademais da súa carreira televisiva ten unha ampla experiencia no mundo do teatro, actuando en obras como ‘Misión Florimón’ dirixida por Joe O’Curneen, ‘Tonta ella, tonto él’ dirixida por Eduardo Aldán ou ‘María Sarmiento’ dirixida por Fernando Romo. O polifacético actor tamén se atreveu co musical (‘Hoy no me puedo levantar’) e o cine (‘Fuga de Cerebros 2: Ahora en Harvard’, ‘Fuga de Cerebros’, ‘La Fiesta’).
Talía Teatro achéganos aos contos de bruxas tradicionais
O domingo 24 a compañía galega Talía Teatro presenta ‘Sopa de Sapo’, un espectáculo para gozar en familia que nos remite aos tradicionais contos de bruxas e feitizos. Recomendada especialmente para nenos de entre 6 e 11 anos a montaxe promete divertir a grandes e pequenos.
Talía Teatro é unha compañía creada en 1988 cun selo propio e orixinal. Os seus espectáculos son unha marca con denominación de orixe que definen un estilo e unha forma de facer teatro. Hoxe, consolidáronse como unha das compañías galegas con máis capacidade de produción e distribución. Desde os seus inicios, perseguen a dignificación do teatro e das artes escénicas como transmisores dos valores culturais do país.
As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.ataquilla.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na Sede AFundación A Coruña, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado de 9.00 a 21.00 horas. Ademais no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche.











