O Hotel Finisterre acolle unha mostra e venda de arte para loitar contra a pobreza infantil

Inauguración da exposición
Esta mañá o Hotel Finisterre da Coruña inaugurou unha exposición e venda de arte que recadará fondos para un proxecto de educación e alimentación infantil de Cruz Vermella. Trátase dun evento que implicou a diferentes organizacións da cidade: Aventi, SQUARE, Atlántica Centro de Arte e o propio Hotel Finisterre. Os veciños e veciñas da Coruña poderán visitar esta exposición na que se reúnen artistas da talla de Antón Lamazares, Óscar Cabanas, Miguel Zelada, Javier de la Rosa ou Nos Why Not e onde todas as persoas que queiran colaborar poderán adquirir unha obra de arte por prezos que van desde os 45€ ata os 2.500€ dun Darío Basso.
O evento será clausurado o vindeiro venres 8 de maio cunha cea gran benéfica no Salón Vitoria do Hotel Finisterra por 35€ por comensal, onde o escritor e dinamizador cultural Pedro Ramos, director de Polisemias, conducirá unha poxa benéfica de material deportivo e de arte. Polos dereitos da infancia no proxecto de “Éxito escolar” de Cruz Vermella, ao que se destinarán parte dos beneficios, actualmente participan 239 menores da provincia da Coruña (35 na cidade homónima) de entre 6 e 18 anos. Con este proxecto, Cruz Vermella vela porque a situación socioeconómica das familias en risco de exclusión da provincia non repercuta negativamente na alimentación, a educación e o desenvolvemento emocional dos menores. En 2014, esta ONG repartiu 12.000 merendas e entregáronse kits de material escolar a máis de 1.200 nenos e nenas de toda a provincia. En Galicia o 21,5% dos menores viven en fogares baixo o limiar da pobreza, é dicir, 84.000 nenos e nenas.











