O Goberno local insta a Jaime Castiñeira a amosar a licenza dunha casa no Corgo
O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, reclamoulle hoxe a Jaime Castiñeira, Voceiro do PP no Concello de Lugo e no Parlamento galego para os asuntos de Vivenda, ademais de candidato á Alcaldía polos Partido Popular que amose a licenza de construcción da casa que ten no Corgo.
Luis Álvarez lembrou que se cumpliron hoxe dous meses desque o PSdeG presentou no Parlamento galego dúas preguntas nas que pide explicacións a Xunta sobre a legalización da urbanización de Santa Mariña (O Corgo), na que fixo unha vivenda Jaime Castiñeira.
Dous meses despois, o Goberno galego segue sen contestar e Castiñeira tamén evitou respostar onte no Pleno municipal.
O Voceiro do Goberno local explicou que “queremos saber se o señor Castiñeira fixo unha vivenda sen licenza nesa urbanización” e engadiu que “se ten a licenza non ten máis que ensinala e dicir que actuou conforme a lei no seu momento”, ese documento probaría que actuou conforme á normativa existente daquela xa que “foi posteriormente cando se legalizou esa urbanización.
“Cando voste fixo esa casa, fíxoa con licenza ou sen ela?” inqueriu Luis Álvarez a Castiñeira, e esixiulle, “non como Voceiro nin como Concelleiro senón como lucense que me aclare se vostede, que é candidato á Alcaldía de Lugo”, responda a esta cuestión e despexe calquera dúbida, o que podería facer dunha maneira tan sinxela como é amosando a licenza municipal que autorizou a construcción desa vivenda.
O Voceiro do Goberno local destacou que “calquera persoa sabe se conta ou non coas licenzas necesarias para as actividades que realiza”, sen necesidade de ter, como ten Castiñeira “un coñecemento privilexiado nesta materia polo seu traballo no Catastro”.
Para Luis Álvarez demostrar que a casa de Castiñeira tiña licenza cando se fixo é algo tan sinxelo como amosar o carnet de conducir para probar que unha persoa está habilitada para a conducción de vehículos, cousa que él mesmo fixo para ensinarlles ós xornalistas que dispón do permiso que o acredita para guiar coches.
Lembrou tamén o Voceiro do Equipo de goberno que Castiñeira base a súa política municipal en “sementar dúbidas sobre o patrimonio do Alcalde, mesmo se permite poñer en dúbida o traballo de Vixilancia Aduaneira e tamén nos dá leccións a todos sobre como se deben facer as cousas e cal é a lei aplicable en cada momento”.
Álvarez preguntouse asímesmo se para conseguir a legalización da súa casa no Corgo Castiñeira “pagou o prezo de manter o silencio clamoroso que garda respecto das reividicacións de Lugo”.











