O goberno de Ferrol aproba o proxecto básico e de execución para a construción da nova conexión viaria entre Santa Mariña e o Ensanche A
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; e o concelleiro de Infraestruturas, Urbanismo e Contratación, Guillermo Evia Pérez, informaron esta mañá dos asuntos máis importantes abordados na Xunta de Goberno Local de hoxe. Estes foron a aprobación do proxecto básico e de execución da nova conexión viaria entre Santa Mariña e o Ensanche A; e a adxudicación de novas actuacións de mellora de estradas do municipio ferrolán, en concreto en Santa Icía e en Papoi.
Rey Varela explicou que a finais de outubro do pasado ano, durante unha reunión de traballo con motivo do Plan de Barrios, “avanzabamos aos veciños de Santa Mariña a proposta na que estabamos traballando para mellora a conexión e a seguridade na zona da vía do tren”. O primeiro edil da cidade quixo agradecer o traballo de meses realizado pola área de Urbanismo para avanzar na construción dun novo paso elevado “que salvará a trincheira das vías do tren para mellorar a comunicación entre os dous barrios”, dixo. Ao fío disto, o rexedor municipal destacou que o proxecto suporá a construcción dunha nova ponte que permitirá tanto o tránsito peonil como a circulación rodada; ademais de rehabilitar o actual paso que quedará de uso exclusivo para peóns.
O novo enlace sobre a vía dará continuidade á rúa Loureiro, que descorre paralela á vía do tren e está situada en Santa Mariña, e desembocará a altura da rúa Seselle, no Ensanche A. Rey Varela sinalou que esta proposta de actuación tamén inclúe a reparación da rúa Loureiro e o reforzo dos noiros, e que unha vez aprobado en Xunta de Goberno Local se remite ao Ministerio de Fomento para a súa aprobación por parte de ADIF.
Convenio con ADIF e financiamento
O seguinte paso será a sinatura dun convenio entre a Administración municipal e ADIF para licitación dos traballos este mesmo exercicio. O prazo de execución das obras é de seis meses, a contar a partir da firma do contrato e da acta de reformulo; polo que a nova ponte sobre a vía do tren que mellorará a comunicación entre Santa Mariá e o Ensanche A será unha realidade o vindeiro ano 2016.
En canto ao investimento necesario, este ascende a 1,2 millóns de euros cofinanciados co Ministerio de Fomento. Así, os Presupostos Xerais do Estado de 2015 recollen unha partida de 0,6 millóns de euros para a execución destas obras, moi demandadas polos veciños/as do lugar.
Pavimentación de estradas e pistas no rural
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local abordou esta mañá novas actuacións de mellora de estradas e de pistas na zona rural do municipio ferrolán. Estas intervencións se acometerán con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña para a presente anualidade (POS- 2015). En concreto, o Executivo local adxudicou a pavimentación da estrada de Santa Icía e dunha pista en Papoi á empresa José Martiñan e Hijos Construcciones S.L.
O rexedor municipal apuntou a reducción do importe de adxudicación conxunta destas dúas intervencións en 32.000 euros, pasando dos 189.000 euros do presuposto base de licitación aos 157.145,04 euros que custarán finalmente estes traballos, cuxos prazo de execución é de dous meses.











