O Festifolk Costa da Morte será unha homenaxe á música galega con gaiteiros, Birimbao e Luar na Lubre

Presentación de Festifolk
O sábado 20 de xuño terá lugar en Carballo o festival de música galega “Festifolk Costa da Morte”, unha cita que ten como obxectivo amosar o potencial musical da comarca máis occidental de Galicia e sobre todo da gaita, o instrumento máis característico da nosa bisbarra. Con este propósito reuniranse en Carballo ao maior número posible de gaiteiros para mostrar toda a forza da música tradicional e, dalgunha maneira, visualizar e homenaxear a todos cantos dedican o seu tempo libre a continuar dándolle vida á tradición, a potenciala e anovala. Está previsto que as actividades comecen ás 16.30 horas, co desfile de todos os gaiteiros e gaiteiras polas rúas principais de Carballo. Todos interpretarán tres pezas previamente consensuadas con todos os grupos.
Unha vez rematado o percorrido, ás 18.30 horas, entregarase o premio ao Gaiteiro do Festifolk. Xusto a continuación, todos os gaiteiros concentrados na Praza do Concello interpretarán ao unísono os tres temas que xa tiñan interpretado polas rúas de Carballo, xunto coa Marcha do antigo reino de Galicia. Ás 22.00 horas iniciarase o festival nocturno, coa actuación de Birimbao, que rematará o seu concerto ás 22.45. Será ás 23.00 horas cando comece a súa actuación o grupo Luar na Lubre, unha das bandas de música de raíces galegas máis internacionais de Galicia, pois dende Palestina a Canadá e dende Arxentina a Alemaña levan percorrido parte do planeta levando a cultura e a música da nosa terra, ademais de levar editadas máis de 300.000 copias dos seus traballos discográficos.
Pola súa banda, Birimbao fundouse no ano 1999 na cidade de A Coruña. Comezou centrándose na música popular galega, movéndose en pezas e cantigas puramente tradicionais e sen moitas aderezos. Co paso do tempo o grupo sentiu a curiosidade de investigar e fusionar os sons galegos con outros estilos de música con raíces parecidas como a irlandesa, escocesa ou a portuguesa. O seu último álbum é Nena do Mare, publicado a comezos do ano 2013. O Festifolk Costa da Morte está organizado polo Concello de Carballo e conta coa colaboración da Fundación Luís Calvo Sanz e de La Voz de Galicia a través de La Voz de Carballo. Durante a presentación da cita, Xulio Varela, de Luar na Lubre, quixo reivindicar a música de raíz e denuncio que “a música galega en ningún momento estivo tan desprezada como agora mesmo”. Para Varela, que haxa unha cita destas características é “como estar en Marte”, debido á “precaria” situación da música tradicional, “coa desaparición de grupos como Milladoiro”. Por iso, agradeceu especialmente este Festifolk, porque “par nós é moi importante facer patria e facer Galicia por aí adiante” e porque “esta iniciativa é un exemplo a seguir”.
Luciano Calvo Pumpido, Presidente de Conservas Calvo, escoitou atentamente a denuncia realizada por Varela e manifestou a posibilidade de “organizar un evento o ano que vén que acude a que isto volva a revivir” porque “podemos poñer desde Carballo un grao de area e montar unha cita digna”. Respecto do Festifolk, amosouse “feliz por entrar neste proxecto” dentro de todas as colaboracións da empresa con motivo do seu 75 aniversario e “espero que resulte moi ben”. Pechou a quenda de intervencións Evencio Ferrero, Alcalde en funcións de Carballo, que subliñou que o Festifolk é “o primeiro acto festivo dentro do San Xoán, as festas por excelencia de Carballo”, ademais de que servirá “para celebrar o 75 aniversario de Calvo dunha maneira moi especial”. Precisamente agradeceulle á empresa “o seu compromiso con Carballo” en todos os ámbitos posibles, deportivo, cultural ou social. Para Ferrero “a música galega necesita todos os apoios” porque “só sabendo quen somos podemos construír o futuro”. Por iso, espera que esta música “se vexa e utilice moitos anos como símbolo de vida, de festa, de alegría e de compromiso co país”.











