O estadio universitario de Elviña acolle unha nova proba de Coruña Corre en Pista

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportes
A-
A+

A Concellaría de Deportes informa de que mañá, venres 8 de maio, dispútase o Trofeo Lolo Penas, a segunda proba do Coruña Corre en Pista. A competición, organizada polo Club Marineda Atlético coa colaboración do Concello da Coruña, será no estadio universitario de Elviña.

O circuíto municipal Coruña Corre en Pista naceu na tempada 2013/2014, cando os clubs Marineda Atlético, Riazor Coruña e Atletismo Coruña Comarca solicitaron axuda ao Concello para a celebración deste evento deportivo, que ten como gran obxectivo que os atletas teñan maiores opcións de conseguir marcas para acceder a competicións autonómicas e nacionais.

As carreiras dispútanse en cinco categorías diferentes para os menores de 18 anos: xuvenil (nacidos nos anos 1998 e 1999), cadete (anos 2000-2001), infantil (anos 2002-2003), alevín (2004-2005) e benxamín (anos 2006-2007). Ao finalizar o circuíto, composto por seis carreiras, entregaranse os trofeos ás mellores marcas nas especialidades de carreiras, saltos e lanzamentos para cada categoría, tanto en homes como en mulleres.

7 de maio de 2015 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.