O Educador Social Antón Bouzas será premiado pola súa traxectoria profesional pola Fundación Esplai

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O vindeiro domingo, 31 de maio, terá lugar en Madrid a partir das 11:00 da mañá o acto de entrega dos VI Premios da Fundación Esplai á Cidadanía Comprometida. Estes premios de ámbito estatal supoñen un recoñecemento ás persoas que traballan e colaboran en proxectos sociais desde o voluntariado.

O vigués Antón Bouzas recibirá o galardón na categoría de “impulso ao terceiro sector”. Este profesional da educación social e terapeuta, ten traballado como voluntario e promotor de distintos proxectos relacionados con persoas en situación de pobreza e exclusión social.

Traballou durante moitos anos á fronte do programa municipal “Sereos do Casco Vello” para persoas sen recursos e sen teito, e liderou tamén o colectivo de autoaxuda IMÁN, para a prevención do VIH SIDA no campo das patoloxías aditivas e a comunidade en xeral.

Xa xubilado, non abandona o activismo e compromiso social, pois actualmente Antón Bouzas é impulsor e membro da Xunta Xestora do colectivo vigués «Os Ninguéns», creado recentemente coa finalidade de loitar, desde unha perspectiva socioeducativa, contra as graves carencias nos servizos sociais e dar resposta a casos urxentes de pobreza severa. Tamén é membro da Xunta de Goberno do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, onde asume unha vogalía na área de Acción Profesional e Sociolaboral, que busca a defensa dos intereses da profesión de Educación Social.

A Fundación Esplai recoñece así o labor e a dilatada traxectoria de Antón, premiando a súa calidade profesional e humana.

29 de maio de 2015 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.