O dúas veces campión barista de Galicia achegará a cultura do café de calidade a Bertamiráns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Star Black Café, de Bertamiráns (Trav. da Peregrina, baixo, 5) acollerá mañá xoves, entre as 17 e as 19h, unha demostración barista que correrá a cargo de Víctor Couto, asesor barista de Cafento e dúas veces campión de Galicia na especialidade (2008 e 2009).

O público asistente poderá ver a Víctor Couto realizando orixinais debuxos con crema de leite sobre a superficie dos cafés, coa técnica denominada latte art, e coñecer as posibilidades combinatorias da popular infusión, considerada a bebida máis consumida nos países occidentais, só por detrás da auga. Ademais, atenderá todas as curiosidades que os asistentes lle queiran formular sobre o mundo do café.

Os cafés e infusións Montecelio, a liña de produtos premium da cafetera Cafento, serán a base das elaboracións do barista, que poderán ser degustadas gratuitamente polo público asistente.

O evento, organizado por Cafento (en Galicia máis coñecida polas súas marcas Cafegal, El Gallego ou El Trópico), a maior empresa cafetera entre as de capital español, forma parte das actividades que a compañía desenvolve por toda España a fin de promover e pór en valor a cultura do café de calidade.

“Trátase de que hostaleiros e clientes finais sexan cada vez máis coñecedores do amplísimo mundo do café e máis esixentes co que serven ou consumen” -afirma Víctor Couto-, “para que a experiencia de consumo do cliente final sexa o máis pracenteira, saudable e satisfactoria posible”.

13 de maio de 2015 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.