publicidade hoxe

O DOG publica a aprobación definitiva do PXOM de Ponteceso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonteceso
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ponteceso. Este novo planeamento configúrase como unha folla de ruta para o desenvolvemento urbanístico deste municipio coruñés nos vindeiros 16 anos, substituíndo o documento en vigor ata o momento, un plan aprobado o 26 de agosto de 2002.

A secretaría xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, tras examinar a documentación remitida polo Concello de Ponteceso, considera que o modelo de ordenación proposto axústase aos criterios fundamentais expresados na Lei de Ordenación Urbanística de Galicia (LOUG).

O documento que se publica hoxe establece unha capacidade residencial total de 6.565 vivendas, 4.081 existentes e 2.484 novas.

No que se refire á clasificación e distribución da superficie, o solo rústico ocupa máis dun 94 % da total, tendo en conta que a especial protección de maior extensión é a forestal, relacionada fundamentalmente coas elevacións do terreo nas parroquias de interior.

O solo de núcleo rural tamén ten un especial recoñecemento, concretamente os seus asentamentos, que teñen a condición de núcleos de poboación segregados da zona urbana. Así, o número total de núcleos rurais ascende a 122, dos que 77 son de tipo histórico ou tradicional.

O planeamento tamén se axusta aos recursos naturais existentes, á paisaxe rural e ao desenvolvemento equilibrado e sostible do territorio, establecendo unha ordenación propia, definindo as necesarias proteccións nos terreos que as precisan e prevendo ámbitos para o futuro desenvolvemento de usos residenciais e produtivos.

No novo PXOM destácase a existencia de humedais como as Brañas de Gondomil, Rego de Bouzas, Niñóns, Balarés, Rego de Corme, Xuncal de Anllóns ou Esteiro de Anllóns. Tamén se presta especial atención aos hábitats prioritarios como as breixeiras húmidas atlánticas de zonas temperadas, as dunas costeiras fixas con vexetación herbácea ou os bosques aluviais.

Cómpre salientar que se introduce o solo rústico de especial protección paisaxística en sintonía coas determinacións do Plan de Ordenación do Litoral (POL), e coas áreas de interese paisaxístico que nel se sinalan.

No seguinte cadro amósanse os distintos tipos de solo recoñecidos no planeamento, así como a superficie de cada clasificación.

Axudas

A Xunta de Galicia concedeulle varias axudas ao Concello de Ponteceso para a redacción e elaboración do planeamento urbanístico, sumando máis de 130.000 euros.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas colabora de xeito técnico e financeiro cos concellos galegos para a dotación de instrumentos urbanísticos que permitan un desenvolvemento económico e social sustentable, mediante a protección e ordenación do territorio.

22 de maio de 2015 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.