O Deportivo esixe actuar para que o asasinato de ‘Jimmy’ non quede impune
O Real Club Deportivo da Coruña reiterou a súa “esixencia ás autoridades para que non descansen ata deter aos responsables do asasinato” do seareiro Francisco Javier Romero, alias ‘Jimmy’, na liorta do pasado 30 de novembro nas inmediacións do estadio Vicente Calderón. Nun comunicado publicado polo club na súa páxina oficial “ante as últimas informacións publicadas referentes ao caso do asasinato de Francisco Javier Romero Taboada ‘Jimmy”, o Deportivo reclama actuación “para que este crime non quede impune”.
E é que este xoves, o xuíz decidiu deixar en liberdade a os catro acusados da súa morte, tras o que o grupo de ultras do Deportivo, os Riazor Blues, expresaron o seu “desprezo” por esta determinación.
Así as cousas, este venres, o Deportivo subliña que “quere mostrar publicamente, como naquel día, o apoio aos seus familiares e amigos en momentos tan complicados como estes”.
“CASE SEIS MESES DESPOIS”
“Unha vez máis”, indica, o club reitera “que non dispón de ningún tipo de información oficial sobre os tristes sucesos de Madrid a pesar de habela solicitado”, e engade que “se existe unha evidencia: que producíndose un asasinato, hai uns asasinos que, case seis meses despois, non están a disposición da xustiza para responder ante ela”.
Neste sentido, faise “eco” do “profundo malestar” xerado por esta situación “que tanto dano está a facer ao deportivismo” e expresa de novo “o desexo de que se aclaren o máis pronto posible todos os aspectos de tan triste e lamentable suceso”.
Tamén mostra “a súa confianza en que finalmente se faga xustiza e que todos os responsables destes feitos poidan ser xulgados e condenados”.











